A nosa achega á educación infantil

Minifundismo e legado da escola infantil en Galicia

In RebelArte on 20/11/2013 at 16:22

O presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta e padroeiros da mesma.

Onte asistimos ao acto de entrega da Medalla de Ouro de Galicia á Fundación Penzol. Mentres escoitábamos ao seu presidente, Alfonso Zulueta, a nosa cabeza fixo unha transferencia das súas palabras aplicándoas ao campo da educación. As nosas reflexións poderiámolas concretar en dous eixos:

1º O que se precisa para soster calquera proxecto son persoas que crean nel, que saiban con claridade a razón e o futuro das súas accións e que teñan a capacidade de buscar sinerxías e converxencias con outras en prol dun fin común. A Fundación Penzol naceu e sobreviviu ata nos momentos máis difíciles porque non decaeu o altruísmo daquelas persoas que desinteresadamente pensaban que había que conservar o escrito sobre Galicia e porque, ademais, souberon contaxiarlle o seu amor e entusiasmo a outras. Labor encomiable, porque non nos esquezamos de que os pobos ou grupos que non conservan e preservan o seu legado, corren o risco de perder a súa identidade ou a súa esencia; podería ser que non quedara ninguén que contara con fidelidade o que foron e cara onde van.

2º Tan importante coma recuperar, atesourar e conservar é divulgar, facendo accesible ese patrimonio a todo aquel que estea interesado, así coma dándollelo a coñecer a quen non sabe del. As institucións arquivísticas e museísticas, máis ca recrearse no pasado, deben poñer os ollos no futuro, e isto é algo que non sempre é así. Abondan exemplos de mausoleos, mesmo en educación.

Parecen dúas afirmacións obvias, pero na realidade non o son tanto. Pensemos en educación,  ou por ser máis concretas pensemos na educación infantil.

Non hai nin unha soa institución/asociación que sexa un referente para o profesorado de educación infantil. Noutros niveis educativos e especialidades hai algunha que outra, que cando menos son portavoces e interlocutores dun colectivo. En infantil non. Quen gardará o legado de todo o que se fixo na escola galega pola infancia. Que referente temos o profesorado de infantil? Hai algunhas iniciativas sindicais, hai outras vinculadas a MRPs, pero todas elas teñen un sesgo. Pero, que pasa coa inmensa maioría do profesorado de infantil? Quen dará conta del? Quen mirará polo futuro da escola infantil?

Hoxe en día hai centos de publicacións e lugares onde queda constancia do facer dos profesionais da educación infantil: blogs, revistas, webs, etc. Uns dependen de iniciativas persoais, outras institucionais, outras comerciais, pero non hai quen vaia peneirando todo iso, escolmando o gran da palla, para así dárllelo a coñecer e poñelo ao servizo doutros para o futuro.

Podemos debater sobre isto, pero somos un dos colectivos máis minifundistas que hai entre os ensinantes. Ben sabemos das eivas e do que adoecen case todas as asociacións, sexan do tipo que sexan. Somos coñecedoras de que na actualidade o asociacionismo non goza de moita credibilidade, pero é unha mágoa que non teñamos nin unha soa referencia na que todos e todas atopemos algún punto de confluencia e sobre a que vaiamos envorcando as nosas experiencias, necesidades e utopías, servindo, ao tempo, de recordo do pasado e de faro do futuro.

Bo é que Fermín F. Penzol, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, R. Otero Pedrayo e outros moitos pensaban e actuaban doutro xeito.

Parabéns para eles e para todas aquelas persoas que cren na necesidade de unirse para ben da comunidade.

Polos “bos e xenerosos”.

InnovArte cos amigos da Fundación Penzol e Editorial Galaxia

InnovArte cos amigos da Fundación Penzol e Editorial Galaxia

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: