A nosa achega á educación infantil

Que dereitos da infancia?

In RebelArte on 20/11/2013 at 18:02

Nikolai Bogdanov

Hai anos, xa moitos, en días como o de hoxe, tería falado co meu alumnado sobre os dereitos dos nenos e nenas, e de seguro que lles amosaría fotografías ou imaxes nas que se apreciara con claridade a vulneración flagrante dalgún deles. Co paso do tempo fun convencéndome da case nula incidencia destes tratamentos educativos efemerizantes e viscerais, así como fun entendendo que era algo a traballar todos os días e todas as horas da nosa intervención educativa.

Con todo, cada vez que entro en Facebook, en Twitter, leo os xornais ou vexo a prensa escrita non podo deixar de renegar contra esas campañas que se fan para hoxe e se esquecen mañá. Declaracións institucionais, homenaxes, datos arrepiantes, festivais benéficos …, unha foliada que non chega ao orixe do problema, e por suposto non pon os medios para atallalo.

Como dicía ao inicio, hoxe non tiven valor para falarlle ao meu alumnado deses temas, nin de amosarlle situacións peores que as deles. Sacáronseme as ganas. Pola mañá chegoume un con febre e chorando, pero non podía quedar na cama porque á súa nai, no seu precario traballo –economía somerxida- non lle permiten ausentarse. Vin a dúas nenas que por mor dun virus gastrointestinal que está afectando ao centro, non controlaron e fixeron as súas necesidades enriba; chamadas as nais/pais contestaron o mesmo: non podían vir a cambialas ata rematar a xornada laboral, alá polas cinco da tarde. Outra nena disimulou a falta de merenda, dicindo que se esquecera dela, algo que lle acontece con moita frecuencia. Botamos en falta a outros dous, pero reparamos en que hoxe era día de mercadillo, emporiso terían que acompañar aos seus pais, xa que logo estes non poderían estar á saída do cole para recollelos. Outro veu chorando e pasou o día moi tristeiro porque sabía que hoxe marchaba o seu pai a traballar noutra comunidade –á que tivo que trasladarse por non atopar emprego aquí- polo cal pasaría unha longa tempada sen velo. O deber profesional de confidencialidade impídeme contar outros dous ou tres casos que ben poderían saír neses programas televisivos que buscan a lágrima fácil. E o resto do alumnado da clase permanece confinado no centro –ben atendidos, iso si- desde as 7:30 da mañá ata as 20 ou 21:00, sen ver aos seus proxenitores, sen ter un tempo de sosego e sen dispor dun espazo propio. De alí, irán para as súas casas, que moitos comparten, habitación a habitación con outras familias. Ah, non quero esquecerme, de que, tralo remate das clases, algunhas compañeiras estaban asesorando a pais e nais de como solicitar axuda ao concello ou a Cáritas.

Ben, pois isto foi o panorama do Dia da Infancia, semellante  ao de todos os demais días, e cada vez peor.

Hoxe crin que o mellor que podía facer por estes nenos , pola infancia e polos seus dereitos era propiciarlles un espazo de serenidade, de calidez, de afectividade e de comprensión. Polo menos que miren cara a escola pensando que é un lugar onde se lles respecta.

E aínda hai quen pensa que é en países subdesenvolvidos e lonxanos  onde non se lle recoñecen os dereitos aos nenos e nenas.

Advertisements
  1. Eu como nai agradezo infinitamente o amor e o respecto con que os tratades a todos, e o marabilloso traballo que facedes con intelixencia, tacto e sensibilidade. Está claro que aos nosos pequenos non lles está tocando un momento fácil e moitas circunstancias son difíciles de explicar sen caer nun reducionismo estúpido. Onte vinme na tesitura de “axudarlles” a elixir o xoguete que “teñen” que levar para a campaña do concello e non sabía como explicarlles que non podían escoller a última trapallada que non lles interesa en absoluto, senón que teñen que “cederlle” a outro neno algo que as divirta e lles gustase moito ter para que outra persoa poida vivir esa experiencia.
    E supostamente facelo todo sen “romper esa ilusión” de que as cousas caen do ceo e as traen os “reis magos” e polo tanto eses nenos poderían escribir perfectamente unha carta igual ca elas para pedir o que lles dese a gana sen problema ningún…
    Hai tantas veces que a miña razón loita coa realidade (e co medio máis póximo: veciños, amigos, familiares…) para inculcarlles valores que vaian labrando “boas persoas” que nin se imaxina… Neste caso, teño que protexer a “ilusión e inocencia” da parafernalia do Nadal coa que non estou de acordo, ou debo explicarlles que as cousas son ben distintas?
    Ao final marchei aínda cismando como imos enfocar este tema e como imos topar o equilibrio, se é que existe, e máis cousas como denunciar ante o defensor do menor eses libro-catálogos de xoguetes que atopan a todas as horas na porta da casa, por exemplo…
    Cal é a opinión de dúas persoas sensatas e con experiencia coma vós? Gustaríame moito coñecela, a verdade…
    Un saúdo

    • Prezada Luz, a opinión de persoas sensatas pode ser de manual, pero cando nos atopamos cos nosos fillos e sobriños atopámonos na mesma tesitura ca ti.
      De todos os xeitos dedicarémoslle algunha que outra entrada no blog, si cremos que pode aportar algo máis sobre o xa dito noutras ocasións e que de seguro tes visto, https://innovarteinfantil.wordpress.com/tag/consumo-responsable/
      Canto ao dos folletos…, tamén levas razón, había que promover unha campaña, facémolo? Nos tamén escribíramos sobre iso no 2011 https://innovarteinfantil.wordpress.com/2011/11/22/o-libro-mais-lido-no-2011/
      Darémoslle outra volta e podemos mirar a lexislación ao respecto.
      Ou mellor aínda, consultámolo con expertos.
      Sería interesante concertar unha charla informativa para alumnado e familias, ofértanas desde a Escola Galega de Consumo
      Xa che diremoshttps://www.facebook.com/photo.php?fbid=577605128979502&set=a.366358743437476.83527.358153357591348&type=1&theater
      Un saúdo

  2. Quizá podamos ser nós axentes de afectividade e comprensión. A mín gústame recordarme e recordarlles que teñen dereitos e que temos a obriga tod@s de velar por eles para que se coñezan, se cumplan e se fagan cumplir. Desgraciadamente describes un panorama moi real imaxino que de calquer cole, oxalá podamos botar man do noso inxenio e creatividade e podamos contaxiar esperanza a eses pequeño que merecen o mellor.Un saúdo. Lidia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: