A nosa achega á educación infantil

Imos cara atrás

In RebelArte on 15/10/2013 at 07:29

625472_500023466722488_573615274_n

A nosa nai, que sempre estivo moi orgullosa de que as súas fillas se dedicasen ao ensino, nos últimos tempos ten unha actitude bastante pesimista sobre a educación por mor do que le ou escoita nos medios. Cada vez máis repite “estase volvendo aos meus tempos”, e deseguido lémbranos a fillos e netos os seus recordos escolares.

Dinos que na súa aldea había dúas escolas, a nacional e a de pago. Daquela, cando lle preguntamos a cal ía, contéstanos que as dúas con moito sacrificio por parte da súa familia. Na nacional recorda que tivo unha mestra que era viúva de guerra; unha boa muller que lles falaba de mundos para eles descoñecidos, que lles ensinaba modais, labores e os preparaba para as “funcións escolares”, ao tempo que lles daba para almorzar o leite en po que enviaba o Ministerio. Pero aquela mestra estaba desbordada, tiña setenta cativos de todas as idades, así os máis grandes tiñan que deprenderlle aos máis pequenos as catro regras, a ler e a escribir con coidada caligrafía, que finalmente sería polo que a avaliaría o inspector cando a visitara.

A súa avoa, vendo que escasa atención podería recibir alí, mandouna á escola de pago –o que agora entenderíamos como unha pasantía-, que non era outra cousa que o que Narciso de Gabriel ten prolixamente investigado, unha escola de ferrado, na que o pago se facía cun ferrado de gran. Como na familia da nosa nai non dispuñan desa “moeda”, a avoa pagaba un peso ao mes gañado traballando moi precariamente nas minas de Barilongo.

Nesta escola de pago había un escolante, un home moi bravo que non lograra rematar os seus estudos para cura e que agora simultaneaba o ensino coas labores de sancristán. Na eira da súa casa, arredor do palleiro -cando o tempo o permitía- ou no pallote, seica recitaban a táboa de multiplicar preto de vinte rapaces (os demais non podían pagala). Como isto non lle daba para vivir deixaba aos cativos sos mentres lle ía picar toxo para a besta ou a axudar nun oficio relixioso. Cando isto acontecía, as mulleres que lavaban roupa nun lavadoiro cercando reparaban de que os rapaces non rifasen, algo que non era habitual pois seica a vara con aguillón que empregaba o “mestre” para impoñer a autoridade xa era de seu bastante disuasoria.

Cando lle preguntamos á nosa nai de cal das dúas escolas garda mellor recordo, di que da nacional, e nese momento é cando insiste en que na escola pública estase volvendo cara atrás.

A nosa nai parécelle imposible esta involución. Ela non quere nin que as súas fillas traballen nin que os seus netos estuden en aulas ateigadas na escola pública. Cre que non nos merecemos isto e anoxase cando alguén lle fala das necesarias medidas de austeridade e de axuste económico.

Ela sabe do que fala. Non é coma moitos “expertos” ou “tertulianos” que agora opinan sobre estas medidas. Ela viviuno e sobreviviu a esa escola, viu que os seus fillos puideron ir á universidade, algo que,  a priori, non estaría ao seu alcance; percibiu a mellora que supón o acceso á educación, e resulta que agora ten que ver unha volta para atrás, temendo que os seus netos non poidan ter as mesmas oportunidades.

Non é de estrañar que estea amolada.

Supoñemos que a historia escolar da nosa familia é moi semellante á da meirande parte dos mestres de Galicia, polo que no podemos entender a tranquilidade que estamos vendo nalgúns docentes. Encoller os ombreiros e agochar a cabeza terá un prezo.

A nosa nai é a 4ª pola esquerda na fila de diante. Estaban coa moza veciña "axudanta" da mestra que se encargada do grupo das nenas pequenas.

A nosa nai é a 4ª pola esquerda na fila de diante. Estaban coa moza veciña “axudanta” da mestra que se encargada do grupo das nenas pequenas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: