É tempo de cabazas e unhas teñen mais colorido ca outras, emporiso quixemos enchelas de cor. Así decidimos aplicar a técnica do waterpainting -que xa temos empregado noutras ocasións- con elementos do outono.
Visto o que necesitamos –esmaltes, soportes, auga e unha cubeta- atopámonos cun problema: a posibilidade de que se desbordara a auga. Para o alumnado foi unha descuberta ver como ía subindo o nivel da auga en función do tamaño do elemento que introducíamos, polo que se fixo preciso introducir a de maior tamaño e axustar a cantidade de auga a ela.
Por outra banda, xurdiu outra experiencia de carácter físico á que aínda non lle demos resposta: elementos pesados como as cabazas flotaban e outras máis pequenas afundían. Fixemos varias experimentacións con cousas de pouco tamaño e escaso peso, así como con outras de grande tamaño e moito peso. Teremos que insistir máis nesta cuestión para poder formular unha “teoría científica”. Polo de agora non a temos.
Canto á experiencia artística foi moi vistosa tal e como se pode apreciar nas fotografías. Follas, espigas de millo, castañas, cabazas e tarxetas de papel foron os soportes empregados.
![]() |
outono painting |