A nosa achega á educación infantil

Vida programada ou vida real na escola infantil

In RebelArte on 04/06/2015 at 06:29

Chegando case ao remate do curso, decatámonos de todas as pequenas cousas que encheron a nosa vida na aula e que nos axudaron a aprender, a convivir e a mellorar como persoas. Malia que entran dentro do normal e habitual, ningunha delas estaba contemplada nas programacións que entregamos no mes de setembro. Con todo, estamos moi satisfeitas e agradecidas por todas esas oportunidades que nos brindou a cotidianeidade, máis ca de ningunha outra actuación programada con antelación por nós mesmas, polo equipo de ciclo/nivel ou polos de dinamización. Hai tempo que queríamos escribir sobre isto, porque cada vez máis, e froito da presión burocrática -que enche e perverte as nosas horas de labor docente-, esíxenos programalo todo. E visto o visto, non sabemos ben para que. A escola infantil, debería ser, cando menos, un reduto libre da febre programadora. A escola infantil, debe ser un lugar para aprender vivindo e para vivir aprendendo pero na vida real, non na ficticia vida académica. A comezo de curso, debería esixírsenos una proposta educativa, que non é unha programación. Unha proposta educativa é unha declaración das nosas intencións canto a todas esas cousas que acaban producindo tantos desgustos, discrepancias e debates entre as compañeiras. Pero sempre sucede o mesmo, non lle dedicamos tempo a iso porque xa sabemos que haberán diferenzas, entón entregamos programacións –que de antemán sabemos non cumpriremos e que non leremos as das compañeiras- e logo pasa o que pasa: choques, discrepancias, saturación e sensación de levar dobre vida (unha dentro da aula e outra de cara aos supervisores). A ninguén que actúe con sentidiño lle pode coller na mesma folla do mesmo documento “traballamos por proxectos didácticos que xorden dos intereses espontáneos do alumnado” ou “empregamos unha metodoloxía activa de base construtivista” e de seguido unha batería de programacións semanais, quincenais, mensuais ou trimestrais, así como todo o programado polos diferentes equipos do centro. IM-PO-SI-BLE!

Aquí hai algo que non cadra. Só caben dúas posibilidades: ou mentimos na definición metodolóxica ou ben na realización das programacións. Non pode ser. Non casan unhas afirmacións coas outras. Pero a ninguén parece importarlle esta “insignificancia”. Tamén cabe a posibilidade de que o que lle chaman “traballar por proxectos” non sexa tal. Puidera ser que estean enganados nas editoriais e en moitas aulas e que denominen traballar por proxectos o que en realidade é traballar por centros de interese que dan lugar a unidades didácticas. Así pode ser. E non pasa nada, pero entón haberá que axustar a xustificación didáctica. Haberá quen diga que iso non é máis ca un erro de denominación, pero é un erro de concepción metodolóxica e didáctica; que como dicía antes, non pasa nada, pero cada unha destas formas de entender traballo docente supón unha praxe distinta. Isto sería longo e precisaríamos moito tempo para explicar que traballar por proxectos (que nós non o facemos) é máis ca poñer un cartel coas preguntas “Que sabemos?, que queremos saber?, onde atoparemos información?”, e logo poñerlle diante aos nenos/as fichas fotocopiadas. Todos e todas sabedes do que estamos a falar.

Nós en realidade, escribimos hoxe para reivindicar a vida real na escola, non a vida programada (baixo calquera epígrafe: unidades, proxectos, secuencias, etc). Cremos que é o que nos está fallando, pero isto debe sustentarse nunha sólida formación do profesorado, na súa versatilidade e capacidade de adaptación ao que xurde espontaneamente, sabendo sacarlle proveito didáctico. Non se nos escapa que isto carrexa serias complicacións, xa sen entrar nas derivadas das interpretacións subxectivas e persoais do que é relevante e do que é irrelevante, nin nos problemas de coordinación entre titoras-especialistas e apoios, nin tan sequera no que se entende como coordinación internivel, interciclo entre outras cousas para o establecemento de items de avaliación conxuntos. Imaxínense vostedes o que sería se cada mestra se dedicara a prestarlle atención a un neno que entra pola porta cunha invitación para o circo, ou cunha fotografía do seu irmán acabado de nacer, ou coa nova de que ardeu un monte preto do seu domicilio. Todo isto, é o normal e si sabemos escoitar ao nenos, pode dar lugar a unha inesgotable fonte de aprendizaxe, o que non é normal é que esperemos á primeira quincena de marzo que é cando temos o “proxecto” do circo, ou para o mes de xuño que é cando falamos do medio ambiente e dos incendios.

Ao mellor o problema está en que desde algún sitio lonxano, alguén nos empezou a pedir cousas absurdas que todos e todas lle fomos dando para que non se agraviara aínda sabendo que eran unha ficción, pero máis tarde, todas esas ficcións tomaron corpo de realidade, por ser algo polo que nos poden pedir contas, xa que logo está contemplado nos regulamentos. Algún día haberá que deixar de mentir e dicir que infantil non é coma un ciclo de Formación Profesional, cun temario e uns contidos exactos a impartir de forma perfectamente secuenciada. Infantil é unha prolongación da vida no espazo escolar onde o importante é vivir, convivir e aprender a ser e iso non se pode programar sen coñecer aos pequenos, sen saber deles e sen telos en conta. Do contrario, chegaremos a final de curso e descubriremos que non cumprimos nada do fixado, e isto queridos seguidores de InnovArte, pode conducir a que o mestre máis innovador ou a mellor mestra do mundo poida ser reprendida e/ou amonestada.

Hai que decidir a quen gardamos lealdade e fidelidade: aos papeis ou á educación dos nenos. Emporiso e desde xa, nas memorias de remate de curso e nas programacións do inicio hai que deixar de mentir e contar o que en realidade facemos, que non é pouco, nin é para agochalo.

Na escola infantil, vivimos e aprendemos da cotiadianeidade da vida real.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: