Continuando no noso intento para que entendan que son persoas únicas e irrepetibles, xa nos últimos días do curso, amosámoslle un xesto persoal que os diferenza de todas as demais persoas, a súa sinatura e a pegada dactilar.
En infantil, é unha conquista cando recoñecen o seu nome de entre os outros e cando son quen de escribilo. A estas alturas todos poden facelo, emporiso quixemos ir un pouco máis alá e falarlle das sinaturas, o que non lles é descoñecido, porque teñen visto en moitas ocasións persoas asinando un documento ou en soportes do máis inverosímiles no caso dos autógrafos dos seus deportistas ou artistas favoritos. Pero ata o de agora a eles nunca se lle pedira que asinaran.
Emporiso, en primeiro lugar buscamos na clase documentos asinados: comunicacións do centro, notas dos seus pais/nais, dedicatorias en libros, cadros …, e preguntámonos a razón que os levou a asinalos. Buscamos información e imaxes na rede e vimos moitos tipos de sinatura: lexibles, non lexibles, con rúbrica ou sen ela, con símbolos, etc. Eu ensineille como asino en función de se é algo moi importante ou se é algo máis informal. Logo preguntámoslle como asinaban os seus pais; con tal motivo enviamos una nota ás casas pedíndolle aos membros da familia que lle amosasen a súa sinatura. Ao tempo íamos dicíndolle que a sinatura é algo que nos individualiza e nos distingue dos demais, anticipándolle que de agora en diante haberá ocasións nas que lle pidan que estampen a súa -como para o DNI ou no cole de primaria-, de modo que era interesante que fosen pensando niso e facendo prácticas ata acadar unha que sempre sexa o máis parecida (isto ben sabemos que é complicado para eles, o que non é óbice que para que non llo expliquemos).
Ao tempo, tamén lle fomos falando doutra forma de asinar, a pegada dactilar, dos seus usos e da razón do seu emprego, de como se pode identificar unha persoa polas liñas que traza a pel nos seus dedos.
Aproveitando que tiñamos un soporte sobrante -dos dous que preparamos para as chaves-, decidimos deixar outra obra recordo do paso polo centro de un grupo composto por vinte e cinco persoas únicas e diferentes, coas súas sinaturas e pegadas dactilares.
Na nosa liña, sempre apostando polos pequenos xestos que nos axudan a recoñer a nosa individualidade sumado ao valor de ser parte dun grupo.