Educación na natureza

Os nenos e nenas mostran cada vez máis un déficit do que Antonio Sandoval denomina vitamina N, unha das carencias que máis pode afectar o seu desenvolvemento harmónico. A vida que levan non lles permite o contacto coa natureza, todo ten lugar en contextos artificiais ou virtuais, pero poucas, moi poucas veces logran esparexerse no medio natural, no que non foi deseñado e programado pola man das grandes multinacionais.

Así, curiosamente, están xurdindo iniciativas educativas en todo o mundo que teñen como finalidade poñelos en contacto no seu medio máis natural. Escolas bosque, escolas na natureza ou centros educativos no campo son a nova tendencia, que polo de agora só están ao alcance duns poucos, xa que logo, en case todos os casos se trata de apostas privadas ou experimentais. Nós xa falamos dalgunha destas escolas no número 3-2º da Revista do Instituto Latinoamericano de Estudos da Infancia, RELAdEI. Alí recollemos espazos web nos que se podía saber máis do Programa Victoria Nature School, unha escola preescolar de 181.000 hectáreas nun parque de British Columbia en Canadá, ou da Waldkindergartens (Escuelas Bosque) de Friburgo en Alemania, onde nenas e nenos de infantil pasan o día ao aire libre correndo, gabeando polas árbores e descubrindo todas as manifestacións da vida.

Ben sabemos que poucas posibilidades hai de mudar os nosos contextos actuais, pero estas tendencias tamén están chegando a todo o ámbito da educación non formal, ás actividades extraescolares, aos obradoiros de verán ou aos campamentos.

Onte púxose en contacto con nós unha das promotoras da acabada de nacer, Asociación Nacional de Educación en la Naturaleza, para comentarnos que os vindeiros 18 e 19 de abril tería lugar o I Encontro de EDNA, no marco único da localidade coruñesa de Cariño. Falarase sobre o que é e sobre o que non é educación na natureza (sempre que hai unha tendencia xorden imitacións que nada teñen que ver coa filosofía inicial), presentarán a asociación, o seu web, e como non, farán unha sesión na natureza. Desde aquí pódese acceder á información e programa, así como ao seu blog.

De seguro que volveremos noutras ocasións sobre estas iniciativas, e a insistir en que aínda que non haxa escolas bosque para todos os nenos, hai monte e árbores a esgalla para todas as saídas familiares e escolares.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s