Aceite I: olivas e oliveiras

IMG_8812

A pasada semana levamos á clase unha póla de oliveira con olivas. Foi toda unha sorpresa porque non recoñecían o froito, dicían que se eran uvas, ameixas ou cereixas. Certamente, na nosa zona, non é doado ver oliveiras co froito, pero en Galicia habelas, hainas, de feito, segundo as investigacións, foron traídas polos romanos, e logo, de aquí, baixaron pola península, e non ao contrario como se podería pensar. Agora, estase a recuperar a produción de aceite galego, nomeadamente naquelas zonas nas que se conservaron as árbores malia o mandato da época dos Reis Católicos de cortalas todas.

IMG_8811Preguntados de onde vén o aceite, a resposta é un clásico, “da botella”, bo é que saben que serve para fritir patacas, tomar nas ensaladas, no pulpo á feira ou co peixe cocido. Así, dedicamos un tempo a coñecer as árbores, o proceso de recollida da oliva (agora no outono) e de elaboración do aceite. Logo fixemos unha cata de aceite sobre anacos de pan.

IMG_8813

Foi tal o éxito da actividade que decidimos darlle continuidade.

Recordamos que a finais do curso pasado coñecéramos os nomes das rúas da nosa localidade porque todas elas levaban o nome das árbores que tiñan plantadas nas beirarrúas; entre outras, a rúa Oliveiras. Así que lles pedimos que fosen coas súas familias a mirar se as oliveiras de O Milladoiro tiñan olivas.

IMG_20141022_162906069 IMG_20141022_161338893Por sorte, no polígono industrial no que está ubicada a escola ten a súa sé a empresa galega Olei, dedicada a recuperar e explotar o aceite producido en Galicia. Puxémonos en contacto coa súa directora, a bióloga María Estévez, quen se entusiasmou coa idea de explicarlle aos cativos o proceso, falarlle sobre a variedade autóctona de oliveira -a “brava”-, facerlle unha cata de aceite, e regalarnos uns exemplares destas árbores para poder plantalas nos terreos do centro.


Alumnado, familias e a comunidade implicadas nun proxecto que nos ten a todos entusiasmados. Pouco máis se pode pedir de algo tan sinxelo coma unha póla de oliveira.
Seguiremos contando.

Deixar un comentario