Cata de marmeladas de outono

No poema de Antonio Rubio para o mes de setembro -en “Almanaque musical“- falaba dunha sinfonía de marmeladas, o que nos deu a idea de aproveitar froitas do outono para coñecer os seus usos, propiedades dietéticas, conservación e consumo máis alá da tempada co noso alumnado de 4 e 5 anos.

O proceso reducímolo ao máis básico e elemental, nada de receitas laboriosas nin moita precisión na proporción do azucre, baste recordar que nós non estamos para facer cursos de cociña, senón para sacarlle proveito educativo.

Porén, pedímoslle que nos trouxeran froitos do outono, que ulimos, tocamos, degustamos, etc. Logo partímolos en anacos pequenos que puxemos a macerar con igual cantidade de azucre; é moi interesante facer as comparacións de volume/peso, así como os cambios que se producen co paso do tempo na mestura –paso de sólido a líquido-. Non deixamos pasar a oportunidade de propoñer un problema: a cantidade de marmelada que obteremos será igual ao peso da froita e do azucre?

Cocemos, deixamos arrefriar, dámoslle resposta o problema e xa podemos facer todas as comparacións que queiramos: coa froita ao natural (dozor, textura, olor…), entre outras semellantes pola cor (fresas-tomate, laranxa doce-laranxa amarga, cabaza-caqui, uvas-moras, etc).

Ao tempo é unha maneira de achegalos ao consumo dun produto san e enerxético ao que que non adoitan ser moi devotos.

Rematamos coa lectura de “Mermelada de fresa” de Daniel Nesquens en Anaya, na que este alimento é o nexo que lle permite ao rato Papas Fritas sentir o gozo dos almorzos do sábado.

Ver presentación da gorentosa actividade.

cata de mermeladas

Deixar un comentario