A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘hábito lector’

Familia e hábito lector

In InformArte on 25/02/2010 at 23:16

Unha amiga recoméndanos a lectura de “Leer y escribir”, obra, dispoñible en liña, do triniteño V.S. Naipaul, premio Nobel de Literatura no 2001. Trátase dun breve ensaio literario no que o autor, dun xeito introspectivo, sincero e honesto, pasa revista á súa relación coa lectura e co feito de ser escritor. Quedámonos coa frase “Esa idea de escritura -que me daría la ambición de ser escritor- se había desarrollado a partir de las cositas que mi padre me leía de vez en cuando.”, porque é algo que se repite con moita frecuencia nas persoas lectoras; desenganémonos, o cariño, os aloumiños compartidos cun pai ou cunha nai durante unha lectura fan máis que todas as campañas institucionais xuntas.

Hai centros que poñen en marcha iniciativas en colaboración coas familias para o fomento do hábito lector. Recomendamos a documentación que se atopa na páxina do SOL, xa mencionado noutra entrada, de entre as que escolmamos un artigo de Kepa Osoro “Familia y hábito lector: proyecto de talleres para padres”, cunha claridade meridiana recórdanos cal é o papel da familia e cal o da escola.

Para iniciar esa andaina, un agasallo para as familias, “Instrucciones para enseñar a leer a un niño” de Gustavo Martín Garzo, publicado no suplemento Blanco y Negro Cultural do diario ABC e que o fixo merecedor do premio da FGSR ao mellor artigo periodístico de fomento da lectura.

Con todo iso, o anuncio da campaña “Si tu lees, ellos leen” é do mellor.