O día 7 de febreiro puxémoslle o ramo a unha aventura que comezamos hai xa un tempo: presentamos ao público unha nova criatura editorial, “Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura” na Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña. Un proxecto no que participamos once persoas, que como di a coordinadora Montse Muriano: “As dez almas que habitan o noso mundo saben moi ben do que falan e saben moi ben como facelo. Son escritoras, docentes, bibliotecarias, contadoras, até un editor anda por este mundo novo.”
Para min iniciouse cunha chamada que me deu Montse Muriano aló por xullo de 2018, convidándonos a participar. Teño que dicir que dixen si de inmediato, nomeadamente por dúas razóns: a gratitude foi a primeira, que pensaran en min non podía máis ca suscitar o meu agradecemento. Vaidade foi o segundo motivo: pensar de ir ao carón de Patricia Carballal, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Mercedes Cerdeiras, Erica Esmorís, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Montse Pena, coordinadas por Montse Muriano e editadas por Francisco Castro en Galaxia editorial, non me levaba a máis ca pensar no afortunada que era (eramos, porque tamén estaba convidada Isabel, malia que despois por mor do traballo non puido ser).
Pero a caloriña da satisfacción durou un intre xa que ao pouco veu o devanarme os miolos pensando que máis se podería dicir a estas alturas sobre o fomento da lectura e as súas bondades. Tendo na cabeza libros como “Leer contra la nada” de Antonio Basanta, “Elogio del papel” de Roberto Casatti, “Como una novela”de Daniel Pennac, “Leer y escribir” de V.S. Naipaul, “Vicios solitarios” de Alberto Manguel, “Leer por libre” de A. Maestre, “El hilo azul” de Gustavo Martín Garzo, “Malos lectores, ¿Por qué?” de J. Fijalkow, “La formación del lector literario” de Teresa Colomer, “Darse a la lectura” de A. Gabilondo, “Leer es un riesgo” de A. Berardinelli, “Misión del ágrafo” de A. Valdecantos, “Preferiría no leer: valores “desagradables” de la lectura”de Víctor Moreno, “Yonquis de las letras” de J. Comensal, “No leer” de Alejandro Zambra, e outras referencias como os libros e os premios periodísticos ao fomento da lectura da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, antollouseme que pouco máis se podía dicir arredor do libro e da lectura.
Así, coa ilusión e a anguria de non estar á altura do encargo foi pasando o verán e o outono, ata que alá por volta das vacacións de Nadal, a partires de xaneiro, Montse empezou a mandarnos sutís recordatorios da nosa encomenda. Cada vez agoniábame máis a idea de que as miñas compañeiras eran escritoras, profesoras de didáctica da literatura, bibliotecarias, contadoras, artistas…, que podía dicir eu entre elas?
Eu son unha mestra de infantil, entón falar de fomento da lectura é afondar na idea de facer sementeira para o futuro. Pero tamén son persoa que falo e indago moito arredor do que se fai nas escolas; sei daquelas poucas nas que se fai moi ben, doutras nas que se fai sen pena nin gloria e das que non se fai ou se fai mal. Por que, cales e onde fallan?, malia ser respostas multifactoriais, coinciden todas no mesmo: porque non se implican de verdade, porque non poñen o seu empeño la lectura e sobre todo porque os seus responsables non cren na lectura nin son lectores. Adoito percibir tamén a confusión de competencias nos dous asuntos principais do libro: experiencias arredor do libro e da lectura; creo que as escolas teñen como responsabilidade fundamental a segunda, debendo deixar para bibliotecas e outras institucións a primeira, xa que logo, non podemos abarcalo todo. Nós, os/as docentes temos que encargarnos prioritariamente das experiencias arredor da lectura e, sen embargo, enredamos máis en xincanas, exposicións, etc e outras divertidas actividades arredor do libro que non deixan tempo para ler. Así, retomando a liña crítica de InnovArte, tomei a decisión de dicir en voz alta o que todos vemos e sabemos de certo. Saíume dun tirón. Non aspiro a ser o Pepito Grillo da educación, pero cando deixo que fale a mestra que ve que a escola non está a ser compensadora de desigualdades sociais, a que só axuda aos que non o precisan, a escola que trata de semellarse aos centros privados, a escola que inviste todas as súas enerxías en foliadas sen sentido, a escola que delega as súas responsabilidades noutros, aí é cando me sae o xenio e escribo coma unha posuída. Rematei. Entreguei. Seica gustou. Esquecín. Ata que aló por setembro, pasáronme a maqueta e vin que nos colocaran por orde alfabética, entón sería a primeira. Unha suor fría baixoume pola caluga. Pensei que a miña arrichada idea de contalo todo con pelos e sinais, botaría para atrás a aquelas persoas que se animaran a mercar o libro. Así llelo dixen á coordinadora e ao editor. Persistiron na idea de que os apelidos marcaran a orde dos capítulos. Encomendeime a quen puiden e confiei en que as sinaturas das miñas compañeiras fosen reclamo dabondo para esquecer a franqueza dunha mestra.
O último día do ano 2019, Montse deunos un agasallo de aninovo, o noso “Habitando historias” (como ela lle chama), xa estaba á venda. Agora a ver que pasaba.
Visto en conxunto é unha obra “coral”, na que todas as voces teñen timbres e cores diferentes pero armonizan á perfección coas outras. Cada unha canta a súa cantiga. Patricia Carballal das voces de mulleres esquecidas na literatura. Paula Carballeira de perder o tempo cos libros. Fina Casalderrey da oralidade e da lectura como agasallo. Francisco Castro da escrita como outra maneira de aprender literatura e fomentar o amor pola lectura. Mercedes Cerdeiras de como facer animación á lectura dende as bibliotecas. Érica Esmorís, dun club de lectura chamado “Perigosas criaturas”. Andrea Maceiras fai unha reflexión sobre a lectura e a literatura adolescente na actualidade co concurso das redes sociais. Eva Mejuto das accións en prol da lectura do Salón do libro de Pontevedra, dando de ler a quen pasa. Montse Pena Presas nunha fermosa chiscadela a “Fréderick” o rato poeta, fálanos do emprego do álbum ilustrado como ferramenta para recuperar lectores e lectoras. E como ben dixo Fina Casalderrey, Montse foi a costureira que ensamblou todas as pezas deste fermoso cobertor patchwork e das nosas afinidades.
Se o produto desta colaboración foi o libro, o premio é a amizade que tecemos entre todas as integrantes. Montse e Francisco bótanlle moito humor e xenerosidade, e nós deixámonos levar por esas ondas. O día da presentación na Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga na Coruña -da que Mercedes é directora- foi boa mostra do clima que se creou no grupo, malia que por un motivo ou outro non puideron estar todas. Alí, rodeadas do agarimo dos seareiros de cadaquén, fixémoslle a posta de largo ao noso “Habitando historias” e botámolo a andar polo mundo. A próxima xuntanza será o vindeiro 28 de marzo no Salón do Libro de Pontevedra que tan ben dirixe Eva Mejuto. E logo o que estea por vir…
Polo de agora vai colleitando boas críticas como as do Diario cultural CRTVG, El correo gallego, Nós diario e Lecturafilia,