Dedo de prosa

É ben certo que cando unha porta se pecha, ábrese outra. Coa chegada da pandemia e do confinamento todos os nosos proxectos para a primavera e verán caeron por terra: os Encontros de Infantil en Alicante en maio, o curso da UIMP en xullo, o congreso de infantil da Prefeitura de Sao Paulo e a presentación de “O pulsar do cotidiano duma escola da infância” en Brasil. Mantivemos a esperanza ata o último momento pensando que sería algo temporal, pero semana a semana foise demostrando que isto ía para longo.

Ás nosas amigas Tais Romero do Brasil e a Alejandra Dubovik da Arxentina, pasoulles o mesmo. Como son persoas de tirar para diante, deron en crear un espazo virtual para o encontro de profesionais relacionadas coa educación da infancia. Así, timidamente, abriron Dedo de prosa, un faladoiro ao que convidaban a persoas cun discurso elaborado sobre a didáctica infantil. Superadas as nosas reticencias iniciais ás videoconferencias, accedemos a participar e aquilo foi unha táboa de salvación para aqueles días tan escuros. Cunha frecuencia semanal, tiñamos unha cita pola que agardábamos con ilusión. Neste vídeo, Tais explica que foi Dedo de prosa para elas.

Como sucede nestas cousas, un chama polo outro e agora cando botamos unha ollada ao elenco de persoas que participaron, quedamos absolutamente superadas, abrumadas. Velaquí os relacionamos en orde alfabética:

  1. Javier Abad e Angeles Ruiz de Velasco
  2. Angeles Abelleira e Isabel Abelleira
  3. Cristiano Alcântara
  4. David Altimir
  5. Vicenç Arnaiz
  6. Vicente Blanco e Salvador  Cidrás
  7. Daniel Calmels
  8. Tona Castell
  9. Érika Chokler
  10. Maritza Diáz
  11. Mari Carmen Diez Navarro
  12. AlejandraDubovik e AlejandraCippitelli
  13. Suzy Fortis e Wagner Rengel
  14. Montserrat Pedreira
  15. Gilvania Porto
  16. Jose Luís Rodríguez de la Flor e Beatriz Trueba
  17. Patrícia Romeu
  18. Javier Rouco
  19. Rodrigo Saballa
  20. Ana Torres Jack
  21. Beatriz Trueba Marcano

Desde esta ligazón accedese a algunhas das intervencións. Como podedes imaxinar, volvemos a tomar notas, a remoer durante días sobre as exposicións e a desexar que chegara pronto a seguinte. E así, case sen decatarnos, chegamos ata mediados de xullo.

A iniciativa acadou tal éxito, que a editorial Phorte -que edita os nosos libros no Brasil-, ofreceuse para publicar un libro no que se recollan todas as intervencións e que sairá a primeiros do 2021.

O mellor de todo, foi a sinerxía que se creou entre todas as persoas que participabamos e as conversas que mantiñamos ao remate. Daban as 2 da mañá (pola diferencia horaria) e aí estabamos partillando sobre o que nos une a todas.

Iremos dando conta da publicación e do desexado inicio da segunda edición de Dedo de prosa.

Vaia dende aquí o noso agradecemento a Tais e ás Alés por vincularnos con profesionais de Brasil, Arxentina, Uruguay, Colombia, Chile, España, Portugal e outros moitos lugares.

Deixar un comentario