Entrando nos fogares do alumnado

Porta na zona vella de Funchal

Deste tempo tiraremos moitas aprendizaxes e descubertas, mesmo sorpresas. Unha das últimas que nos ten emocionadas é a acollida que nos dispensan as familias do noso alumnado cando entramos nos seus fogares a través das vídeo-conferencias. Sempre tiven moitos reparos e mesmo considerei unha intromisión meterme na intimidade familiar, pero agora parece que todos perdemos ese pudor en aras de manter vivo o apego cos nenos e nenas. E resulta moi ben, certamente marabilloso.

Cando facemos encontros colectivos, estamos tan entusiasmados  e alegres co reencontro que nin temos tempo para “entrar”. Neses casos, parece que subimos todos a unha nube e alí saudamos, celebramos, admiramos e escoitamos pouco pois estamos moi enredados en atender a todo.

Pero a cousa cambia moito cando concertamos encontros individuais con cada familia. Axustándonos aos seus tempos. Sen presas. Deixando espazo para saber deles, para dar conta de nós, para admirar todo aquilo que nos queren amosar: xoguetes, enredos, traballos ou segredos, receitas, libros ou filmes.

Cada vez que remato, non podo máis que dárllelas grazas por abrirme as portas do seu fogar, por recibirme toda a familia congregada arredor da pantalla. Fan que me sinta coma cando te convidan a un café e conversa na casa duns amigos.

Sei de certo que as familias tamén lle gustan estes encontros; estreita a nosa confianza. E aos pequenos nin vos conto. Ata os calados se viran locuaces. Na seguridade do seu fogar gustan de contarnos como ocupan o tempo, a quen botan a faltar e de amosar a proximidade que teñen con nós.

Que cansa moito? Sen dúbida. Tanto coma se foramos presencialmente. Máis incluso ca vinte e cinco titorías seguidas. Que supera o que sería o noso horario/calendario lectivo? Xa, pero creo que non preciso nin contar as vantaxes canto á confianza, ao mantemento do vínculo, á ilusión que lle fai aos pequenos recibirnos no seu terreo, ou á información/observación de primeira man que obtemos sobre a súa evolución, máxime agora que temos que facer unha avaliación “a cegas”.

Cómpre dicir tamén que estou a ver aos pequechos absolutamente felices de ter aos pais ao seu dispor todo o día, de que pasen tempo con eles xogando, falando ou compartindo tarefas cotiás. Ben sei que o drama está aí, pero os proxenitores tamén me manifestan que neste tempo redescubriron aos seus fillos. Din todos eles que non lles preocupa “o tempo perdido na escola”, saben que iso se pode recuperar, sen embargo perder a infancia dos seus fillos sería irreparable.

Ben sei que non é a opinión de todos os pais. Ben sei que hai quen está angustiado por saber con quen deixarán os fillos cando se reincorporen aos traballos. Supoño que iso estará na cabeza de todos. Agora ben, estou emocionada ao ver como recoñecen o que isto lles supuxo a nivel familiar e de percibir o ben-estar dos pequenos.

Non creo que sexa casualidade que todos os pais nos dean as grazas por ocupar un lugar tan importante na vida do seu fillo ou filla.

O que dicía…, das cousas boas do tempo da pandemia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s