Securitizacion e xudilización dos centros educativos

De entre as ducias de videoconferencias ás que asistín durante o confinamento houbo unha que me puxo a matinar en reiteradas ocasións. Este encontro virtual levaba por título “Judiciliciación de las relaciones escolares”, promovíao a editorial arxentina Noveduc coa participación dos autores que conversaban arredor do pensamento de Philippe Meirieu, da conversión da educación nunha mercancía e nas escolas en mecanismos de control.

Sorprendéronme as dúas complexas palabras que repetían a cotío: securitización e xudilización. Daquela estabamos confinados e pensabamos na volta en setembro. Agora volvo a repetilas más do que desexaría. Dende mediados de agosto estamos no inferno da imaxinación colectiva. Os docentes inmersos en procesos de securitización. A sociedade en xeral, as familias en particular, nos de xudilización dos centros educativos. Faladoiros, columnas de opinión, as redes sociais están que arden con comentarios que nos remiten a esas dúas palabriñas.

Chegaremos a un punto que non poderemos soster a escola. Os docentes non poderemos facer a nosa labor e a sociedade deixará de confiar definitivamente na institución. Polo medio, ben intentando facer xustiza ou a modo de panos quentes, algunhas voces calificarannos de heroes. Non somos nin heroes nin viláns. Somos profesionais que estamos a deixar máis do que deberíamos polo que dirán, para evitar a denuncia ou para non saír nos medios. Algúns fano mellor e outros peor. Igual que as familias. Igual que calquera. Pero por moito que chamen a atención os casos negativos, a meirande parte estamos a dar o mellor de nós.

O que é lamentable é que todos esteamos a buscar o mesmo: aos culpables da situación. Uns acusan á administración, outros aos mestres, outros ás familias, aos servizos municipais, ás empresas… Así non imos a ningures. Preciso máis, así a escola pública non vai a ningures, porque a privada está caladiña ou vendendo a organización, hixiene, medidas, precaucións e atención ao cliente.

As escolas están a fornecerse coma se fosen a entrar nunha guerra bacteriolóxica o día 10 de setembro. Biombos, distancias, líquidos e novas normas. Sumado a iso todo o derivado do que nós asimilamos á securitización. Noutras palabras o que denominamos “rizar o rizo”. Normas e imposicións absurdas que só terán cabida nos centros educativos: plastificar, cubicar, maniatar, eliminar, limitar, atrofiar… son algunhas das accións nas que se concretan. Na meirande parte dos espazos públicos abonda con cumprir coas condicións de hixienizar as mans, respectar as distancias e os aforos. Na escola estamos a complexizalo tanto que non sei se pagará a pena vir a ela. Seguramente non quedará tempo para desenvolver a súa función primordial.

As familias divídense entre os que están a xudicializala e os que xa decidiron non confiar nela, entre os que están preocupados e os que xa están determinados. Non quero caer nos tópicos de que hai moita fiscalización das actuacións escolares e moita relaxación con outros espazos/persoas/tempos nos que delegan a responsabilidade do coidado dos fillos ou fillas. Pero tampouco podo entender tanta desconfianza, agás porque moita dela está sendo provocada dende dentro. As críticas, as reivindicacións ou a desacertada elección do momento para reclamar, non favorecen a imaxe que a sociedade se vai facendo da situación. Hai pais que están a pensar que mandan os fillos para un Chernobil desolado, desasistido e arrasado.

Estamos a xogarnos moito máis do que parece. Deste punto de inflexión a escola pública pode saír fortalecida ou ferida mortalmente. Depende de todos, fundamentalmente de docentes e familias.

Os mestres deberíamos entender que incorporar unhas rutinas, cambiar outras ou a distribución espacial ou temporal non pode facernos esquecer o cerne da nosa labor: acoller ao noso alumnado, agarimalo, curar as feridas do confinamento, ensinalos a vivir nun novo escenario, amosarlle aquilo que lles poida ser verdadeiramente útil nas vindeiras crises que xa profetizan. Axudalos a ser persoas, cidadáns, individuos, membros dunha sociedade. E como non, abordar contidos que lles axuden a entender o mundo e o que nel acontece. Todo iso, evitando que os nenos e as nenas pensen que a súa liberdade está minguada. Velaquí a pedra de toque, o verdadeiro reto: facelos libres aínda con todas a limitacións que se lle están a impoñer.

As familias, deberían deixar aos profesionais educativos facelo seu traballo. Confiar en que ninguén ten ganas de contaxiarse. E sobre todo, deben demandar dos docentes que cumpran coa súa función educativa no máis extenso senso. En troques de consumir ou participar en faladoiros apocalípticos deberían conversar cos fillos e ensinarlles a ser veciños, compañeiros, familiares e habitantes dun mundo complexo.

Non creo que sexa moito pedir que a familia e a escola sigan a ser os dous primeiros axentes educativos. Máis nos tempos que corren.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s