Cara unha escola imaxinada

cuberta EDUCAR.indd

De cando en vez atopamos persoas, libros ou webs que veñen a coincidir co que nós temos en mente arredor da escola imaxinada. Isto aconteceunos cando coñecemos a Vicente Blanco e Salvador Cidrás grazas á nosa amiga Lina Iglesias Forneiro, xa que logo son compañeiros profesores na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Cando nolos presentou xa nos levaron voando a ver a aula na que imparten educación artística aos futuros mestres e tamén unha exposición que daquela tiñan no recibidor da facultade na que relataban procesos de creación cos cativos do colexio de prácticas. Empatamos ben, xa vimos que tiñamos pensamentos comúns sobre a infancia e a educación artística, o que nos levou a intercambiar escritos. Cando soubemos que gañaran o premio Educa Compostela 2016 xunto con Rocío Modia, alí fomos a acompañalos e ao pouco xa nos contaron da proposta da editorial Kalandraka de publicárllelo. Entre tanto, a nosa amizade e intercambio profesional foi medrando; ás veces, mesmo compartimos a contrariedade por ver algunhas prácticas que se levan a cabo na escola seica para traballar a arte; algunhas outras, falamos daquilo no que andamos enleados ou de descubertas. Tamén íamos preguntándonos os uns aos outros como ían os nosos libros.

B03M7021
Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Rocío Modia, no acto de entrega do premio Educa Compostela 2016.

Casualidades da vida, os dous viron a luz no Culturgal 2019; o deles presentábase nese gran evento das industrias culturais galegas. Nós, aínda que xa o leramos, deveciamos por que o fixesen público, pois temos de certo que será unha grande achega para a formación inicial e permanente do profesorado no eido artístico; curiosamente un campo no que hai moita produción pero pouca co coñecemento que posúen eles das tres puntas deste triángulo máxico resultante da unión da arte, da formación do profesorado e da infancia. Do moito que hai, máis das veces vai aos dous extremos perigosos: as manualidades (entre as que incluimos a copia de obras) ou ao metaforismo ou abstracción conceptual que en modo algún “toca” aos pequenos, malia que nos amosen unhas fotografías espectaculares (cuns nenos coma de atrezzo) ou aludan a unha incerta creatividade.

Vicente e Salvador, saben ben do que é a creatividade – proceden do mundo da arte e simultanean a docencia con exposicións nalgúns dos máis reputados espazos galegos, estatais ou europeos-, sen embargo cando están cos pequenos  ou con futuros mestres non esquecen que “os procesos creativos implican un nivel elevado de constancia, esforzo, exploración, planificación, reiteración e retroalimentación.” Tamén son coñecedores de que “o sistema educativo non foi capaz de incorporar nin integrar a riqueza metodolóxica que as artes nos poden achegar, precisamente porque os procesos que propician a creación artística son incompatibles co modelo de escola tradicional dominante.” Así apuntan algunhas razóns como que o característico das actividades artísticas non está nos produtos ou resultados que se poidan obter, senón nos procesos persoais; que xorde a través da acción, non desde a teoría;  maniféstase en multitude de formas de expresión; “resístese á cuantificación”; e que debería ser inseparable das vivencias é indivisible da nosa identidade e contorna.

E así, no libro “Educar a través da arte. Cara unha escola imaxinada”, pouco a pouco e como punto de partida van debullando o estado da cuestión “unha escola sen creatividade”, para logo dar paso ás súas propostas para Transformar desde a acción, con suxestivas experiencias de creación con papel, o animalario fantástico, imaxinar o sol ou o módulos que nos axudarán a romper estereotipos, deconstruír a práctica docente, ver a diversidade estética que darán paso a centrarnos máis en experiencias procesuais.

Eles cren que outra educación artística é posible e malia que son tempos difíciles, non todo está perdido, porén apóstano todo a que “sexa unha esperanza e unha forma de resistencia”. Así, Vicente e Salvador, predicando co exemplo, amosan o seu compromiso poñendo á nosa disposición a súa experiencia a través do blog Escola imaxinada, no que en formato bilingüe comparten o seu saber, bo facer e creatividade.

blo

O libro e o blog, dúas referencias a ter presentes para encamiñarnos cara unha escola imaxinada. Por algún motivo forman parte da Biblioteca de Pedagoxíaproxecto da editorial Kalandraka coordinado polo profesor Antón Costa que inclúe títulos de sobranceiros autores como Jean Piaget, María Montessori, Paulo Freire ou Celestin Freinet, entre outros.

Deixar un comentario