“O latexo dunha aula de infantil. Eloxio do cotián”

9788491514244

“As escolas seguen aos nenos, non ás programacións.”, dicía Loris Malaguzzi, e vén ser tamén a intención de “O latexo dunha aula de infantil. Eloxio do cotián”, un libro no que tratamos de amosar como entendemos nós o obxecto da educación infantil, coma un acto de rebeldía contra moito do instaurado. Nace da nosa contrariedade sobre todo o que se está a ver nas aulas, na formación do profesorado, nas publicacións e nos medios; todo iso que se foi metendo pola calada e que agora está totalmente admitido como tradición escolar.

Nos últimos anos fóronse consolidando unha serie de rutinas e tradicións na escola infantil que son o fío condutor por unha senda de “alta velocidade” na que todo está previsto, programado, benintencionadamente benpensado e puerilmente infantilizado. Métodos para aprender matemáticas, robots, proxectos reprografíados, xogos educativos, aplicacións informáticas estimuladoras de talentos, emocións de cores, intelixencias múltiples enlatadas, felicidade concentrada e diversidade etiquetada compiten co rexurdimento da utopía das escolas con apelido metodolóxico.

Por iso, en “O latexo dunha aula infantil” reflexionamos sobre o termo medio: unha escola que vive na realidade pero tenta transformala; que manexa múltiples fontes pero mantén a serenidade; unha escola cuxa prioridade son os nenos non os documentos nin os eventos, nin as modas. Unha escola que respira, latexa, pensa…no que ve, no que vive e no que sente. Unha escola normal que foxe da ficción académica retomando os principios das escolas que deixaron pegada e das que están a pisar con forza.

A razón de ser de este libro é tentar dar unha volta atrás na entolecida carreira en que se converteu a educación infantil. Precisamente neste momento no que todos os organismos oficiais constatan a positiva incidencia da escolarización infantil no posterior devir académico, é no que hai máis disparidade con respecto ao que se fai nestas aulas: aparellos de última xeración, temáticas e preocupacións vitais adultas, coñecemento innecesario, materiais deseñados para “educar”…, fan que esquezamos o cerne da nosa labor: a educación integral das nenas e nenos.

 “O latexo dunha aula infantil” pretende ser un alegado a favor de recuperar a vida cotiá nas aulas de infantil, un esforzo para que os pequenos tomen contacto coa vida real, que por algún estraño empeño se reduce con frecuencia a unha ficción na que animaliños de cores rechamantes conviven con outros xa extinguidos, habitada tamén por piratas, astronautas, elfos, fadas e personaxes Disney, cando en realidade os nosos nenos ven os medios de comunicación, van a hospitais, comercios e participan da vida social.

Cremos que desde que entran na escola hai que facilitarlle as claves que lle permitirán comprender o mundo no que viven, no que vivirán no futuro e tamén axudarlle a construír a súa historia cara atrás sabendo quen son e por que son como son. Partir do próximo, do que nos toca o corazón é sempre o punto de inicio de experiencias de vida inesquecibles que se expandirán tanto como queiramos, ata onde gustemos ou cara a onde nunca esperariamos chegar.

Desexamos saber transmitir debidamente a idea de que unha escola vital e real, unha escola que vibra e latexa non precisa de nada máis que dunha docente que dea entrada á realidade cotiá e que saiba escoitar co corazón. Todo o demais é accesorio.

Isto pode suceder nunha aula calquera dun centro calquera de calquera lugar, porque as preguntas ás que axudará a dar resposta están na cabeza dos nenos e nenas de calquera recuncho do mundo.

Vida e sentimentos, persoas e vivencias, educar e aprender a vivir serían as claves que definirían “O latexo dunha aula infantil”.

Si en “Os fíos de infantil” apuntabamos os vinte fíos ou constantes que deben estar presentes na praxe educativa, en “O latexo dunha aula infantil” fixamos dez eixos temáticos a abordar nesta etapa educativa vinculando sempre a súa cotiandade coa escola. Que os pequenos descubran: quen son e como son, que fan, que coidan, que pasa ao seu redor, que comen, que os (con)move, que poden aportar á comunidade e cara onde van. Preguntas básicas, elementais pero non simples; xa que logo, son as que se fai calquera persoa adulta cando quere explicarse ante si mesmo ou ante os outros. O sorprendente é que estean borradas da face dos desenvolvementos curriculares. Así, nesta publicación recóllense máis dun cento de latexos (experiencias de vida) organizados baixo epígrafes que fan referencia ao coñecemento dun mesmo desde distintas facetas: como individuos, como persoas, como familiares, como cidadáns, como consumidores ou como activistas culturais, ambientais e sociais.

Porque o fío condutor da didáctica infantil non poden ser nin a arte, nin a música, nin a literatura, nin as emocións nin as áreas nin as competencias, nin as matemáticas nin a lingua. O verdadeiro eixo debe ser o coñecemento de si mesmo e dos demais, do lugar que habitan e do que nel sucede.

Cando nos preguntan de que trata “O latexo dunha aula infantil”, se é unha continuación de “Os fíos de infantil” ou se coma no outro son experiencias de aula, adoitamos dicir que por suposto é na mesma liña que o anterior, unha compilación de vivencias das nosas aulas organizadas en base a unha estrutura na que contemplamos os dez eixos temáticos que ao noso entender deben ser prioritariamente abordados na educación infantil.

Entre liñas, defendemos ademais o empoderamento do profesorado, facendo ver a súa profesionalidade contra todo o intrusismo que se dá a día de hoxe na educación da infancia. Pretende ser unha aguillada para que as docentes defendamos o noso saber fronte ás intromisións que hai no noso campo. Hoxe escóitanse todo tipo de voces, e bastante menos a dos mestres. Xa é hora de que empecemos a mostrar o que facemos, non por vaidade, senón máis ben por prestixiar o noso traballo. Emporiso convidamos a apostar pola didáctica do cotián, polo real, polo próximo polo producido artesanalmente, instando a que cada mestra ou mestre faga a súa didáctica de autor, reflexionando sobre as leccións que aprenderon e aplicándoas coa ilusión de quen busca en si mesmo o mellor para a educación do seu alumnado.

Malia que figuramos como autoras, este libro non o fixemos soas; ao igual que en “Os fíos de infantil”, acompáñannos e arróupannos os prólogos de Beatriz Trueba e Mari Carmen Díez Navarro, para nós dous fachos que sempre alumaron a nosa tarefa profesional, honrándonos agora coa presentación da obra. Para a imaxe da portada, unha vez máis recorremos ao ilustrador Leandro Lamas, que entende e traslada ao mundo plástico as nosas inquedanzas. Como peche, incluímos dous textos da nosa amiga Tais Romero, pedagoga do Brasil que cinguiu os nosos latexos aos de milleiros de educadoras brasileiras. Quixemos manter a súa achega no idioma orixinal como homenaxe a todas elas neste texto:  un credo, un alegato a favor de devolverlle á infancia o que é de seu, o tempo.

Quixemos que o libro saíra primeiro na nosa lingua, o galego, coa editorial Galaxia. Seguirao a edición en español coa editorial Octaedro e logo no Brasil con Phorte editorial. Todo o noso agradecemento a todas elas.

Para avanzar un pouco do contido e xa para rematar, recollemos de seguido o índice:

Presentación da Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional
“Bosque protector: “Corazón de ouro”. Beatriz Trueba Marcano
Toda unha corazonada. Mari Carmen Díez Navarro
Introdución. O cardiograma

  1. O sinxelo e o cotián, sístole e diástole da praxe docente
  2. O corazón dun grupo
  3. Entre a escola hipotensa e a escola hipertensa
  4. O marcapasos
  5. Vinte e cinco corazóns diversos
  6. Bombeando vida á comunidade
    1. Activistas culturales vs. Infancia hiperculturizada
    2. Infantil unha etapa vital (tamén) para as familias
  1. Co fonendoscopio na orella: a avaliación
  2. De infantil a primaria sen bypass
  3. Que fai latexar o corazón?O ritmo cardíaco: os latexos acompasados cos fíos de infantil
  1. Os latexos

I Quen son? ¿Como son? ¿Que me gusta?
II Que fago (en familia)?
III Que coido?
IV Que me pasa?
V Que como?
VI A quen quero?
VII Que pasa ao meu ao redor? Que celebro?
VIII Que me move?
IX Que aporto?
X De onde veño? Onde vou?

  1. O éxito do transplante
  2. Onde o corazón te leve (sin perder o norte)

Tempo, tempo, tempo… Unha escola feita de preguntas. Tais Romero
Bibliografía inspiradora
Ligazóns web para ampliar información das experiencias

Boa lectura!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s