Desde que vimos anunciada a publicación de “Ciencia en la primera infancia. 49+1 propuestas de acción” na web da editorial Graó xa o encargamos na librería e en canto chegou lémolo dunha sentada, malia que agora volvemos sobre el xa máis devagar á procura de ideas de traballo na aula.
Nótase que a súa coordinadora Montse Pedreira foi mestra de infantil durante vinte anos -malia que agora se dedique á formación do profesorado na Universidade de Manresa-, pois está redactado e estruturado tal e como nos gusta aos mestres, sinxelo, claro e realizable.
Desafortunadamente, cando alguén fala de ciencia en infantil, moitos pensan en “experimentos” máis que en experiencias; temos visto todo tipo de extravagancias e temáticas sen sentido con nenos pequenos, pero non é o caso.
“O obxectivo do libro é axudar a mestras e educadores de infantil no proceso de creación de porpostas encamiñadas a achegar a ciencia aos nenos e nenas desde unha perspectiva participativa e motivadora.” (…)
“Está pensado desde a perspectiva da utilidade; por tanto, en cada proposta resaltamos aquilo que nos parece básico para que unha mestra ou mestre poida decidir tanto se a proposta responde aos seus intereses coma se lle convén construíla.”
Con tal motivo, cada unha das 49+1 propostas está estruturada do seguinte xeito:
–Descrición da proposta, que pretende acadar e aspectos básicos para identificala.
–Especificación de materiais e a súa xustificación, pois pensan que hai que escolmar a conciencia para enfocar ben a proposta.
-Algunhas preguntas ou retos que se poden suxerir, é dicir, pensar nas cuestións que nos interesa formularlle aos pequenos.
–Intención da persoa adulta, entendendo que aspectos ligados á aprendizaxe se poñen en xogo en cada actuación.
–Voces, miradas e accións, resaltando aquelas accións ou palabras dos pequenos que presentan interese desde o punto de vista educativo.
–Reflexións xerais sobre o tema.
Toda a recompilación de experiencias diríxese á etapa 0-6, na que nos convidan á crear espazos de ciencia de libre elección entendidos como lugares de benestar, de comunicación, de investigación, de modelización, de experimentación, de inclusión e de alto voltaxe emocional.
Aparecen organizadas en nove apartados nos que traballan: as propiedades dos materiais, os seres vivos e o medio, a materia, rochas e minerais, o movemento, masa, volume e densidade, o magnetismo, a tecnoloxía ou outros inclasificables. Con títulos tan suxestivos que instan a querer probalos: Arenero de semillas; ¿Qué se cierra con cierre?; ¿De quién es esa caca?; ¿El agua pinta?; Donde pongo el ojo pongo la bola; ¿Tienes puntería?; ¿Se pegan en todas partes?; ¡Bajar es fácil, subir es más difícil!; Cuando todo se ve gigante.
Remátase o libro coas referencias bibliográficas, os agradecementos a todas as persoas que participaron nel e a experiencia da Universidade de Manresa na organización do Lab 0-6, nas feiras de experimentación ou na xestión do Museo da Ciencia, que son os bancos de probas de todos os espazos de experimentación que aquí se relatan.
Como dicíamos, un libro para ter á man como fonte de inspiración.