Biblioteca para nais e pais

Matej Kren
Imaxe de Matej Kren

Cada vez máis, detectamos o desconcerto das familias canto ao modo de educar aos seus fillos/as. Xa non saben ben a quen facer caso: opinións de todo tipo de expertos, modelos de parentalidade totalmente diferentes, informacións contraditorias na rede, gabinetes psicopedagóxicos de moi variada orientación, métodos “infalibles” para a disciplina, para as emocións, para o sono, para a estimulación das intelixencias, para todo tipo de problemáticas (aquí cumpriría facer unha observación: convértese en patoloxía ou síndrome calquera trazo da personalidade infantil). E o peor é que toda esta abondosa gama información case sempre entra en confrontación co que os titores e titoras escolares lles din dos seus fillos, o que lles deixa un pouso de incredulidade.

Houbo un tempo no que as escolas de pais/nais eran unha iniciativa sempre ben acollida polas familias. Hoxe en día a falta de tempo, as présas, os horarios imposibles dos seus traballos ou das actividades dos fillos, farían moi difícil volver a elas. Faise precisa a orientación buscando outras canles coñecendo ben o perfil, inquedanzas e dispoñibilidade das familias ás que nos diriximos, xa que logo non vale o mesmo en todas as escolas; cada unha debe artellar as estratexias para que a corresponsabilidade educativa familia-escola sexa real e efectiva.

Recomendacións para familias vía web, folletos informativos elaborados polos equipos de orientación son algunha das opcións, outra serían suxestións de lecturas do seu interese en función daquilo que os preocupa nun determinado momento. Lecturas si, pero, de que tipo? Porque hai de todo publicado, desde os modelos máis autoritarios, disciplinarios, condutistas aos que defenden a educación dos pequenos coma un laissez-faire, un deixar facer con total liberdade individual de elección e de acción. E aquí entraría o noso criterio profesional, como expertos formados na educación dos máis novos. Loxicamente, recomendacións de lectura en coherencia co estilo educativo do centro.

Esta é a iniciativa que se puxo en marcha neste curso académico no CEIP A Maía de Bertamiráns (Ames), o equipo de biblioteca escolar fixo unha rigorosa escolma de libros do interese das familias concordantes co sentir educativo do claustro, e tralo anuncio desta nova prestación escolar, todos os luns, día de titorías, os pais/nais poden pasar pola biblioteca en horario de tarde a collelos en préstamo por quince días.

Polo de agora, pese ao escaso período de implantación xa se pode considerar un éxito, de modo que se fai preciso incrementar o número de exemplares e os folletos informativos coa oferta dispoñible.

O pasado luns, os xornais galegos El faro de Vigo e La opinión da Coruña facíanse eco da nova nun artigo asinado por Selina Otero, e dende algunhas institucións xa se brindaron ao centro para fornecer esa biblioteca de pais e nais.

AMaía (1)

biblioopinión

Deixar un comentario