60 días chovendo, 60 nomes da chuvia e 60 modos de chover

??????????

Seica xa van alá 60 días chovendo. Pode, pois xa case non recordamos como é a vida sen chuvia. Por moi lírica e melancólica que sexa, na escola infantil é un fastío: recreos, molladuras, falta de xogo ao aire libre… Pero tamén podemos aproveitar dela coma aprendizaxe contextualizada.

Na rutina diaria de observar o estado do tempo e das previsións para o día e días vindeiros, nos últimos tempos dicían “Chove”, polo cal decidimos afinar un chisco esa apreciación dando resposta a como chove. Hai veces que chove miudiño, outras arroia, outras hai un trebón, ou unha chuvascada ou cae unha babuxa ou unha coriscada ou un diluvio ou unha orballada. A nosa lingua dispón de ducias de palabras para nomear a variada tipoloxía de chuvia que temos, así, botando man das “Palabras enchoupadas” do Portal das palabras e doutras magníficas compilacións que atopamos puidemos chamar á chuvia polo seu nome.

Asemade, quixemos deixar constancia plástica dese rico abano de denominacións da chuvia. Cada día, nun momento, observábamos a cor do ceo e as nubes que dan lugar a cada unha das formas de chuvia. Neste caso fomos nós quen nos ocupamos da representación, dado a dificultade que podía entrañar para o noso alumnado a manipulación dos elementos empregados. Eles son quen agora se ocupan de explicar a exposición á que deu lugar, polo de agora 15 cadros sobre a chuvia e outros fenómenos, que -de cara a ser vista polas familias e compañeiros- se acompaña dunhas diapositivas nas que se recollen nomes, substantivos, adxectivos, verbos, expresións, ditos e refráns sobre a chuvia.

Este traballo aínda non pechado (ata que a chuvia non nos abandone), posibilitounos coñecer vocabulario propio da nosa lingua, fenómenos meteorolóxicos, literatura senlleira, o ciclo da auga, a linguaxe plástica, e outras moitas aprendizaxes e experiencias das que iremos dando conta nos vindeiros días.

Isto foi o positivo desta tempada de tanta revoltura: coñecer a riqueza lingüística do galego.

Ver a presentación.

60 días, 60 nomes e 60 modos de chover

A nosa preferida é “Choven chuzos de punta”, a deles é “Pedrazo” ou “Ceo de verán”, agora ben, debecen por unha “Chuvia do Arco da Vella”.

??????????

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s