Dez chaves para infantil

Hai certas lecturas que teñen o poder de reconciliarnos coa profesión, devolvéndonos o entusiasmo facéndonos fixar a atención no básico, no elemental e no realmente importante da educación infantil.

Moitas e moitos de nós que temos entre os nosos libros de referencia “La oreja verde de la escuela”, “Mi escuela sabe a naranja”, “Proyectando otra escuela” ou “El piso de de abajo de la escuela”, alegrámonos con cada nova entrega de Mª Carmen Díez Navarro, así nos sucedeu ao saber de “10 ideas clave. La educación infantil” que vén de publicarse en Graó, do que din que é un libro de chaves e de portas, xa que logo hai escolas abertas de par en par e escolas herméticas, hai mestres que pechan portas e mestres que as abren, pero os imprescindibles son os que dan as chaves, os que dan autonomía outorgando posibilidades de crecemento. Como se de un xogo se tratara, a autora trata de dar resposta á canción  “¿Dónde están las llaves…?” buscando as chaves mestras as que abren as portas da alma da infancia, as portas da aprendizaxe docente e as comportas doutra educación posible.

O libro xira arredor de 10 preguntas sobre a educación infantil e 10 ideas clave para respondelas, entre outras apuntamos algunhas xa de seu suxestivas:

Que necesita un neno para vivir a súa primeira infancia saudablemente?

Que ambiente debe ofrecer unha escola que pretenda ser acolledora e vital?

Por que é importante incluír os afectos na vida cotiá da escola infantil?

Como abordar a programación, a observación e a avaliación en infantil?

Cal sería o sentido do acompañamento dos nenos no percorrido do pracer dos sentidos ao pracer das palabras?

Seremos capaces de posibilitar que os nenos investiguen, indaguen e aprendan coas súas propias ferramentas: a curiosidade e o desexo de saber?

Ambientes, afectos, acompañamento, son constantes no discurso de Mª Carmen Díez Navarro que desde sempre trata de facer da escola unha casa acolledora, cálida e confortable.

Desde aquí pódese acceder a un avance do libro.

Deixar un comentario