A nosa achega á educación infantil

“A volta do Xove Príncipe”

In ActualizArte on 06/02/2014 at 08:00

descarga

Polo Nadal unha amiga agasallounos cun libro do que, ata o de agora, xa viramos dúas veces a nosa opinión. Inicialmente desconcertounos cando nos dixeron que se trataba dunha continuación de “O Principiño” feita por un escritor arxentino, país no que fora un éxito de ventas (traducido a máis de 20 idiomas e que mesmo conta con un web no que se poden ler os dous primeiros capítulos). Quedamos matinando porque darlle continuidade a unha obra tan senlleira ten que ser ben unha ousadía ou unha valentía, pero en calquera caso, quen o faga ten que ter moita seguridade  para aturar as críticas, xa que, así como ten a publicidade garantida, tamén xerará expectativas non baixas, co cal a probabilidade de non estar á altura é un risco gratuíto a correr.

Sexa como fose, lemos a edición en galego publicada por Galaxia, “A volta do Xove Príncipe”, e pasounos o mesmo que cando vemos o remake dunha película antiga, ou como cando trala lectura dunha obra extraordinaria dun autor -por isto de continuar na onda- collemos outra (menor) do mesmo pero xa non nos impacta como a anterior. Pasounos coma cando no cine tratan de desvelarnos aspectos ocultos da vida cotiá de personaxes históricos, sen os que perfectamente poderíamos vivir e seguir mantendo aquela imaxe idealizada que lles tiñamos. Pasounos coma cando nos contan a “verdadeira historia”  de alguén que coñecemos doutro xeito, ou coma cando tratan versionar a personaxes literarios, traéndoos aos tempos actuais, malia que nós preferiríamos que seguiran no limbo do pasado.

Rematámolo e deixámolo.

Buscamos críticas en internet e atopamos desde as que van da denuncia pola usurpación dos valores que o Principiño representaba, ata os que a consideran unha digna continuación, pasando polos que o etiquetan como libro de autoaxuda (cal non o é?). Hai moita polémica, supoñemos que en parte debido a que o libro non é malo, do contrario atallaríase a controversia cunha mala crítica.

Agora, quixemos lelo de novo. En verdade non cremos que sexa un libro que traspase o tempo ao carón de “O Principiño”, facendo que quen recomende o primeiro o faga o mesmo con este segundo, pero tamén é certo que ben merece unha ou dúas oportunidades.

Así como hai quen considera case un “sacrilexio”o que fixo G.Roemmers, nós, en troques, compartimos o pensamento do autor cando lle manifesta ao Xove Príncipe: “Critiquei a mediocridade dos que, ao veren que se acende unha labarada de creatividade, bolen a apagala coma se fosen bombeiros, no canto de permitiren que o lume medre e chegue a ser algo transformador.”

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: