A nosa achega á educación infantil

Protocolo de absentismo en infantil?

In LexislArte,RebelArte on 03/02/2014 at 17:46

Unha das maiores fontes de insatisfacción profesional vén dada polas discrepancias entre as nosas crenzas educativas e aquilo que nos vemos na obriga de facer a diario arrastradas polas circunstancias da realidade na que traballamos.

Isto mesmo é o que pensamos hoxe cando vimos  o Protocolo de absentismo publicado pola consellería. Non é que non lle deamos a razón ou que non lle vexamos utilidade, pero prodúcenos unha fonda tristura que teñamos que chegar a isto.

Malia que no devandito protocolo non se cita a educación infantil, hai centros nos que se aplicará debido  á transferencia dos niveis superiores (caso dos CEIP e CPI), noutros porque se atopan con problemáticas similares, e noutros porque sempre hai xente máis papista ca o Papa e non queren ser menos.

Vaiamos por partes e centrémonos nesta nosa etapa e focalicemos a atención no que é mellor para os nenos.

Dos nosos inicios profesionais en escolas unitarias ou en centros pequenos recordamos aquela proximidade coas familias, cando polas mañás nos entregaban en man aos seus fillos e fillas, facéndonos algún pequeno comentario sobre o neno/a, desculpando unha ausencia ou explicando un retraso. Daquela os pequenos entraban ás dez da mañá e viñan da súa casa, recollíanos á unha para comer e logo tíñamos a sesión de tarde de tres a cinco, na que se volvía a repetir aquel ritual de comunicacións breves pero continuas. Visto coa distancia do tempo parécenos a situación ideal, a escola que todos quereríamos para os nosos fillos ou fillas. Era, como logo puidemos coñecer, coma nas escolas italianas, nas que aínda nos centros grandes cada aula ten un acceso ao exterior pola que os pais/nais levan os nenos/as xunto a titora, un horario de entrada flexible ata as dez da mañá. Chegadas serenas, amigables, relaxadas, sen présa, e aínda así había tempo para todo. Logo todo cambiou coa xornada única, os madrugóns, as rifas coas familias polos retrasos, controis, xustificacións de faltas, etc, as presións laborais dos proxenitores, os programas de apertura de centros, as actividades extraescolares…, en definitiva, todo mudou coa reconversión das escolas infantís en centros de día para menores. Rompeuse o día no que a escola en troques de pensar no ben das criaturas se puxo ao servizo dos intereses adultos dos pais/nais, dos docentes e da administración.

Hoxe en día traballamos en macrocentros de catro ou cinco liñas de infantil, con horarios de servizo desde as 7:30 a 21:00. Moitos nenos/as xa están dentro cando nós chegamos, outros veñen en bus e outros deben entrar nun tramo de dez minutos, do contrario teñen que esperar ata o seguinte cambio de hora, xa que logo, un único conserxe non pode andar carrexando nenos  para as súas aulas. Temos que controlar quen os trae e sobre todo, que quen os recolle estea autorizado polos pais/titores (contrastando DNI); temos que saber de adxudicación de quendas de pais separados, temos que pedir xustificación de faltas, de retrasos, temos que rexistrar ausencias (horas, días) no XADE e ata chegamos a debater si se avalía ou non a un alumno/a en función de si superou o 10% de faltas de asistencia (recordando que esta é unha medida que só está establecida para o ensino obrigatorio).

O peor é que somos conscientes das razóns que nos conduciron a isto e en moitos casos temos que aceptalo malia que non se parece en nada á nosa idea do que é unha escola infantil 3-6. Entendemos que para algunhas familias a escola é un lugar seguro onde deixar os fillos/as tantas horas como elas precisan para traballar, vale, pero non só cando lles convén que non queden na casa. Entendemos que debemos extremar precaucións debido aos conflitos existentes entre algúns proxenitores separados, así debemos levar control de si o neno/a asiste ou non ao centro; ao igual ca cando os pais/nais delegan a responsabilidade dos nenos noutras persoas. Entendemos que malia ser infantil un tramo voluntario, desde o momento no que os pais optan por escolarizar ao seu fillo/a ten que ser con todas as consecuencias, aproveitando así os recursos que se poñen ao seu servizo (máxime cando outros quedan privados dos mesmos). Entendemos que o absentismo constante pode ocultar situacións non gratas para os nenos (desatención, desamparo), motivo polo que é preciso facer un seguimento das faltas. Entendemos, entendemos …

Entendémolo case todo, pero non comprendemos como é que a escola infantil e as docentes temos que adoptar estas funcións pervertendo o que lle é propio de seu, a atención educativa dos nenos e das nenas. Mesmo chegamos a preguntarnos si o de converternos en figuras de autoridade pública non terá nada que ver con facernos axentes xudiciais.

Ten sentido a día de hoxe reivindicar escolas respectuosas coa infancia?

Temos a nosa conciencia profesional partida. Dentro de pouco xa non saberemos ben cal é a nosa función na sociedade. Non sabemos ben se facer o que debemos ou o que temos que facer.

Estannos conducindo, conducímonos ou deixámonos conducir, pero o certo é que estamos indo cara onde non queremos.

Advertisements
  1. Lamentablemente, cada día ten máis sentido reivindicar unha escola respectuosa coa infancia, coa adolescencia e coa idade adulta

  2. “todo mudou coa reconversión das escolas infantís en centros de día para menores”. Xa é penoso dabondo que sucedera para infantil. Pero para o resto tamén. E fala un pai, cunha outra perspectiva vital, nunca dende a outra banda. A institucionalización dos sistemas educativos, conleva o risco de que outras facetas da vida social se superpoñan ao obxectivo que deberá ser fundamental do ensino. A contribución á formación de persoas, queda por baixo da economía, as necesidades dos procesos productivos, os resultados estatísticos,…. E canto millor nos iría se o mundo no seu conxunto, e as escolas no seu mundo, estiveran máis en función das criánças e menos dos adultos, como dixo hai un tempo unha sabia compañeira e amiga. A resposta e SI. Ten sentido a reivindicación. Mesmo se leva á insumisión nas escolas. A non ser que a santa conciliación nos libere de todo mal.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: