Tonucci no Gaiás

Onte asistimos a unha conferencia de Francesco Tonucci na Cidade da Cultura de Galicia. Non recordamos o título porque isto é irrelevante, ao igual que tampouco lembramos o doutras moitas que lle escoitamos. Tonucci é unha desas persoas que ten tal capacidade de comunicación e de convocatoria que a ninguén lle importa que o substrato do discurso se manteña ao longo dos anos, aínda que de cada vez o titule de forma diferente. Poida que ese sexa un dos seus puntos fortes, que xunto coa mirada que ten de neno fan del un referente mundial. Así, centos de docentes chegados de todas partes –malia que o luns impartiu en Pontevedra- achegámonos ao Gaiás ás sete da tarde. Isto hai que dicilo  para que o saiban aqueles que lle recriminan ao profesorado que só acode á formación cando precisa os puntos para o sexenio; pois isto confirma que non é certo: por esta actividade, loxicamente, non se podía percibir bolsa de desprazamento nin certificación.

Falounos de que a escola actual segue a ser unha escola de “completamento”, ao igual que o foi no pasado cando só era accesible para unha elite, coa diferenza de que a día de hoxe se dedica a completar algo que non existe, emporiso é coma poñer as bases no ar. Por medio das súas coñecidas viñetas -que asina como Frato- foinos amosando moitas das incoherencias e anacronismos da escola e dos mestres/as.

Nunha atmosfera case reverencial escoitamos engaiolados a voz serena e pousada de Tonucci que nos falaba da escola ideal, facéndonos soñar con mestres atentos ao sentir dos nenos. Alí, naquel edificio tan moderno era coma se estivésemos dentro dunha burbulla irreal, cun deseño construtivo sofisticado, coa temperatura óptima, con luz nítida, todo acorde, no que nada desentoa, facendo daquilo unha experiencia grata baixo condicións controladas. Sen embargo, se mirábamos a través das cristaleiras podíamos ver unha paisaxe non domesticada, fermosa pero abrupta. Os cortes das excavacións, penedos esnaquizados pola maquinaria que deixaron unha fenda sen cicatrizar onde xurdían desde as plantas más resistentes e autóctonas como poden ser os toxos ou as uces, así coma outras espurias que tratan de facerse un oco no medio delas ou nas gretas das pedras. Así visto desde a nosa comodidade de dentro, mesmo parecía que esta diversidade do exterior –agora co seu esplendor primaveral- lle confería unha beleza que complementaba a asepticidade de laboratorio do interior. Era un fermoso contraste. Era bonito velo desde dentro e versar sobre elo. Nesa imaxe bucólica e amable tan só “estorbaba” un vento túzaro que sopraba con forza, -nun momento ate a voz de Tonucci se viu superada polo seu son, o que provocou o sorriso dos asistentes. Non parou de chover e de ventar en toda a tarde, tan só podíamos esquecernos do temporal se non mirábamos para fóra, malia que obstinadamente este se facía notar. Nese ambiente cálido discorreu a intervención. O malo foi cando tivemos que marchar e vimos que fóra todo seguía igual ou peor; tamén puidera ser que agora se notara máis, máxime despois de estar tan a gusto coas nosas ensoñacións necesarias pero tamén traizoeiras.

Para nós, a visita ao Gaiás sempre supón a dolorosa constatación da grande distancia entre o idealmente proxectado e o realmente executado. E onte non foi diferente.

 

Deixar un comentario