A nosa achega á educación infantil

San Miniato: unha maneira de facer infancia

In FormArte on 23/04/2012 at 07:03


No primeiro que nos insisten en La Bottega di Geppetto cando nos explican os servizos comunais de atención á infancia é que a súa prioridade non é a conciliación senón a oferta de algo que é necesario para os nenos/as. Queren garantir que, sendo voluntaria a asistencia, aínda así exista unha praza para cada alumno; ese é o seu reto. Na rexión da Toscana están moi comprometidos coa infancia. Mesmo lle ofrecen ás familias a posibilidade de que sen asistir diariamente poidan acudir ao centro para relacionarse, nenos e pais. Son totalmente contrarios aos “paquetes horarios” porque a eles interésalles prioritariamente o benestar dos nenos/as, non a comodidade das familias.

Teñen 10 servizos, nos que acollen 180 criaturas (80 quedan fóra). Do seu custo o 40% é aportado polas familias e o 60% a comunidade. Hai 3 centros comunais, 2 privados e 5 xestionados por cooperativas. Para ilo hai unha comisión que vela pola calidade dos centros privados que solicitan permiso de apertura para evitar diferenzas.

O nido Pinocchio foi o primeiro en abrir, fai 30 anos. Este é o que visitamos e que nos serve de referencia. Acollen nenos de 3 a 36 meses, cunha ratio de 3 por adulto.  Á entrada hai unha zona de filtro, unha zona de psicomotricidade e logo tres laboratorios: de lectura, de teatro, e da cor/manipulación (nun luminoso patio interior acristalado). Na zona de manipulación vemos tarros cheos de pastas, de area, de cunchas e pedras, todo ao seu alcance, alí manexan material natural, de recuperación, e material non estruturado. A zona de disfraces/teatro está chea de espellos e estruturas que permiten colgar telas para facer teatro; tamén teñen cámaras fotográficas para tomar imaxes dos nenos cando se transforman cunha tea. Gustounos a idea de ter un estor colgado do teito, con xaneliñas a distintas alturas que se baixa para facer teatro, e cando non recóllese e non estorba nin resta espazo. As instalacións do centro complétanse cunha sala de xuntas, tanto para persoal como para entrevistas con familias. O horario diario do centro e o calendario anual está exposto á entrada, xunto coas fotografías e postos das persoas que traballan no nido: 9 educadoras, 2 coidadoras e unha auxiliar permanecen alí desde que abren ata que pechan.

Pola tarde, divididas en tres grupos, visitamos outras modalidades dos servizos: un de xestión privada –Pollicino-; outro de cooperativa –A Fata Turchina-, no que hai unha área de encontro e xogo –Il Paese dei Balocchi-; e outro público –Mastro Ciliegia-, no que finalmente nos reuniron a todas para facer unha posta en común e responder ás nosas preguntas.

En calquera caso, o máis importante, a filosofía do proxecto educativo de San Miniato, xa tiveramos ocasión de aprecialo e comprendelo durante a observación da mañá.

San Miniato é unha realidade única, comprometida e respectuosa coa infancia. Un referente a a ter en conta.

A idea que se ten sobre a infancia é un constructo social, e certamente, gústanos como a “edifican” en San Miniato.

Aquí pechamos a nosa “expedición pedagóxica 2012” a Italia. O grupo, como dixemos ao principio estaba conformado por 12 mestras de infantil, 1 especialista de inglés en EI, 1 profesora do CS de EI e 1 responsable do programa educativo Preescolar na Casa. Un monllo de profesionais comprometidas coa mellora da educación infantil en Galicia, que tivemos ocasión de reflexionar –seguiremos facéndoo- sobre o modelo de atención á infancia que lle estamos dispensando á sociedade. Especialmente interesante, para nós, foi a visión das compañeiras máis relacionadas co ciclo 0-3, que, coas súas opinións e achegas nos fixeron caer na conta da fenda existente entre o 0-3 e o 3-6 –semellante ao que sempre criticamos entre infantil e primaria-; do descoñecemento que temos sobre o que os nenos/as fan antes de chegar ás nosas mans. Isto, como xa temos dito en moitas entradas do blog, ten unha solución moi fácil: temos que establecer unha relación entre os centros 0-3 e os 3-6. A administración educativa, non parece caer na conta desta necesidade, porén a iniciativa ten que partir dos equipos directivos, docentes e responsables educativos municipais. Temos que saber os uns dos outros, xa que logo, os nosos “usuarios” son os mesmos. Isto ten que ir máis alá dunha mera visita de acollida; ten que ser unha relación cotiá e constante, non son mundos diferentes, non sexamos nós, as que cos nosos prexuízos, non facilitemos esa transición, que nalgúns casos é dura para os nenos e nenas. Todas/os traballamos polo mesmo: a educación da infancia, iso é o que nos ten que unir.

Advertisements
  1. Bravisssimo!!!.
    Fantático relato da viaxe pedagóxica. Moi boas as conexións entre estas escolas, a súa filosofía, o seu funcionamento e a nosa realidade educativa.

    Parabéns por un traballo tan ben feito e comentado. Moitas grazas por facerme ver moitos aspectos que alí non fun quen de percibir.

    • Grazas Celia, as compañías foron moi “inspiradoras”. Se tanto vos gusta, argallamos outra e vou de cronista, ben sabedes que somos fáciles de convencer. E a ver se desta sacamos máis fotos; alí parecíanos que tíñamos moitas e cando empezas a descartar resulta que che parecen poucas. Unha aperta e quedamos de vernos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: