María FumaÇa

Vimos de asistir á presentación dun dos proxectos editoriais máis sorprendentes e ricos que temos visto nunca. Onte pola tarde, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela subimos á locomotora da Familia María FumaÇa, xunto con ducias de nenos/as e adultos engaiolados co clima de alegría e felicidade que se xerou na sala. Pero non vos levedes a engano, isto non é só unha recompilación de cancións, é a historia que se constrúe arredor de Ruí, un neno especial.

Segundo di a editorial Galaxia María FumaÇa é un proxecto musical de celebración da vida. Ducias de artistas cantando a alegría de vivir. Montados na alegre e colorida locomotora de vapor, percorren vales e montañas, nos seus vagóns o ambiente é de festa, unha morea de xente que cantan e tocan xuntos a ritmo de muiñeira, de samba, rock ou forró para facerlle un agasallo a Ruí, que interpreta como solista sinfonías vocais que lembran o son máxico do canto das baleas. Unha aventura que esperan non remate nunca e que os leve por mil novos horizontes.

O proxecto está conformado polo libro, o DVD-Karaoke e o CD. No DVD recóllense as explicacións dos pais de Ruí de como María FumaÇa é un agasallo familiar para a noite de Reis, e de como esta idea foi medrando ao longo de seis anos e agora chegan a participar preto de 40 persoas amigas. Noutro apartado temos 7 espectaculares videoclips, dos que nos custaría elixir un para recomendar, pois todos eles son  sorprendentes. Nunha terceira parte vemos as gravacións dos nenos cantando con Ruí. Deseguido podemos cantar 6 pezas con pictogramas. Remátase cuns extras, onde se recollen os créditos e un agasallo “Ruí e as baleas” acompañado de fotografías da vida do neno que nos fan entender o agradecemento final “A Ruí, por ampliar o noso horizonte”.

O mesmo lle dicimos nós a toda a Familia María FumaÇa: grazas por facernos entender que a discapacidade non é unha maldición, senón unha diferenza que pode ser vivida con normalidade, nun ambiente musical, festivo e optimista.

Grazas mil tamén a quen en tempos editoriais difíciles aposta por proxectos que nacen do amor.

Ogallá que a locomotora de María FumaÇa viaxe por todos os centros de ensino de Galicia porque é toda unha lección de vida.

2 Comments

    1. Grazas a vós por darnos estas xoias. Os nenos/as están encantados, “O mercado”, “A saia da Carolina”, “Que é o que ten a sopa do nené?”, “A diferenza”, “Alegría”…, a máis do valor que teñen e que eles aínda non comprenden, están cheas de ritmo e de musicalidade. Non son cancións parvas para pequenos, senón música para nenos. Están engaiolados cos videoclips, coas cancións que cantan os nenos con Ruí, coas dos pictogramas…, é un proxecto do máis completo. Grazas. Seguide así.

Deixar un comentario