O noso recanto favorito en Compostela

img_7970.jpg

Con motivo da preparación dunha saída didáctica á Praza de Abastos e á librería Couceiro, imprimimos un plano de Santiago e localizamos os dous lugares que visitaríamos, así como o itinerario que seguiríamos. Unha vez marcados, aproveitamos para buscar outros sitios para nós coñecidos: a Catedra, a Alameda, a biblioteca Ánxel Casal… e as correspondencias cos números indicados no plano.

 

Tamén descubrimos as iconas que figuraban no plano as súas respectivas lendas: farmacias, hospitais, paradas de taxi ou de bus urbano, WC, por onde pasa o Camiño de Santiago, vistas panorámicas, etc.

Como vimos que identificaban algúns lugares por teren ido coas súas familias, propuxémoslle levar o plano para a casa para alí marcar o seu recanto favorito en Compostela.

 

Ao día seguinte, cadaquén soubo dar conta do recado, expoñéndolle aos compañeiros as súas preferencias e os motivos.

Entanto, atopamos un marabilloso “Mapa emocional de Santiago”, unha ilustración de María Meijide, na que aínda que non gardan proporción nin escala, están representados aqueles lugares máis cheos de significado para a artista. Así puidemos ir localizando no mapa os seus recunchos favoritos e outros moitos que recoñecían: a escultura das Marías na Alameda, a Cidade da Cultura, a Policía, a Praza de Abastos ou a Praza do Obradoiro.

 

Unha maneira máis de facerlle poñer os pés na terra, de comprender a representación do espazo e de establecer vínculos afectivos co territorio.

 

Deixar un comentario