Asisto con estupor ao desembarco das dúas “metodoloxías innovadoras” de moda –que nin son metodoloxías nin innovadoras-, que agora dan título e contido a unha morea de actividades formativas, cursos, charlas e grupos de traballo: as matemáticas ABN e a robótica en infantil. Aínda que xa hai un tempo que veño escoitando cantos de serea deses dous fenómenos emerxentes, ata o de agora non quixen dedicarlle tempo pois pensei que serían tan efémeros coma outros predecesores, pero ao parecer a cousa vai a máis e quizais cómpre poñer o foco sobre eles. En ambos casos a xustificación que se fai da súa arribada á educación infantil é do grande aporte que supoñen ao coñecemento matemático dos máis pequenos, sumado a que como se desenvolve tan “exitosamente” en niveis superiores, é bo adestrarse neles xa dende o momento da entrada na escola.
Cóntanme dunha papelería que agora no lote de material que se lle pide aos nenos de entre 3-6 anos non pode faltar unha caixa de palillos e un caderno de matemáticas, así como que na dotación de aula uns robots que ata teñen cabida nas bibliotecas escolares…, vivir para ver, así nos vai coas matemáticas e coa lectura! Responsabilizo disto á formación do profesorado, a quen é capaz de xustificar un sensentido en base ao currículo, e tamén a quen cala e outorga, deixando facer “innovacións” dese calibre, quizais seducidos polas estratexias de marketing coas que se adobían.
Onte vin a un pequeno dando chimpos, e pensei que era un desas brincadeiras de calquera neno da súa idade, o que me sorprendeu foi que ao preguntarlle que facía díxome que estaba sumando, que xa sabía sumar porque as sumas facíanse saltando. Podería pensar que era unha desas confusións que ás veces teñen os cativos, pero como xa me introducira no divertido mundo do “algoritmo” de contado me decatei de que na súa escola seguirían o método e traballarían coa “recta numérica”, como pomposamente gustan de chamar a unha alfombriña que seica dota aos pequenos de toda a sabedoría matemática xunto con moreas de tuppers cheos de tapóns e de atados de decenas de palillos.
Como estou moi desconectada das innovacións educativas, primeiro quixen informarme sobre a xustificación didáctica e pedagóxica destas modas, tralo cal, fun dereitiña á miña biblioteca para desintoxicarme e botei man dos meus referentes no eido das matemáticas, de cada un dos cales deixo aquí unha pequena cita:
El niño reinventa la aritmétrica, de Constance Kamii publicao en Visor de libros en 1986.
“La tercera razón reside en que los procedimientos que los niños inventan surgen de lo más profundo de su intuición y de su manera natural de pensar. Si favorecemos que ejerciten su forma genuina de pensar, en lugar de exigirles que memoricen reglas que para ellos carecen de sentido, desarrollarán una base cognitiva más sólida y una mayor seguridad. Los niños que se sienten seguros aprenden más a largo plazo que aquellos que han sido instruidos de un modo que les hace dudar de sus propios razonamientos.”
Repensar el aprendizaje de las matemáticas. Matemáticas para convivir`comprendiendo el mundo, de Carlos Gallego Lázaro en Graó, 2005
“Las experiencias matemáticas son adecuadas cuando convierten los procesos de aprender en procesos sociales de elaboración, de descubrimiento o de invención sobre situaciones reales que estén reguladas por continuas evaluaciones del progreso.”
Vivir las matemáticas, de María Antonia Canals publicado en Octaedro-Rosa Sensat en 2001.
“Podemos afirmar que en todas las experiencias de la vida de los niños se hallan presentes los elementos necesarios para hacer matemáticas, mejor dicho, los elementos capaces de desencadenar esta acción. Estos elementos se refieren siempre a los aspectos siguientes: cantidades de elementos y acciones entre ellos, formas y posición de los objetos y magnitudes físicas mensurables. También en todas las experiencias vividas hay aspectos de organización y de estructura lógicas. Todo esto es lo que hace que podamos afirmar que en toda experiencia vivida hay potencialmente una actividad matemática. (…)
En definitiva, para que la actividad de una persona pueda denominarse como propiamente matemática es necesario que la experiencia haya implicado y puesto en funcionamiento su pensamiento lógico.
De seguido volvín ler o currículo de educación infantil,
Bloque 1. Medio físico: elementos, relacións e medida. Este bloque recolle os contidos que potencian o desenvolvemento do pensamento lóxico-matemático a través dos cales a nena e o neno intentan interpretar e comprender o mundo, favorecendo as nocións de tempo, espazo, causalidade, cuantificación e a resolución de problemas que se presentan na súa vida cotiá. Así, para coñecer e comprender como funciona a realidade, a nena e o neno indagan sobre o comportamento e as propiedades de obxectos e materias presentes no seu contorno: actuando e establecendo relacións cos elementos do medio físico, explorando e identificando os devanditos elementos, recoñecendo as sensacións que producen, anticipándose aos efectos das súas accións sobre eles, detectando semellanzas e diferenzas, comparando, ordenando, cuantificando, pasando así da manipulación á representación, orixe das incipientes habilidades lóxico-matemáticas. (pp 53-54)
Non teñen cabida!
Ben é certo que quen queira xustificar ese tipo de matemáticas que estamos a analizar, de seguro que tamén atopará argumentos no anteriormente exposto, máis todos nós sabemos que non é o mesmo. O que pasa é que como agora disque vivimos nun mundo visual, á xente resultalle máis doado ver un vídeo en youtube ca ler un libro, así quedamos pampos vendo mestras que en troques de facer fichas no papel, fanas no chan igualiño de repetitivas aburridas e desconectadas da realidade. Como somos tan modernos e queremos empatar cos nenos, atribuímoslle a un robot a capacidade de ensinarlle aos nenos cooperación, linguaxe, lateralidade, direccionalidade , cando iso, os profesionais da educación infantil sabemos de sobra que só se pode facer a partires do propio corpo, non do corpo dun fedello.
Coa de oportunidades que nos brinda a vida cotiá para introducir a linguaxe e iniciarnos nos procesos lóxico matemáticos, desafortunadamente, unha vez máis, deunos por seguir métodos estandarizados.