Agasallos difentes

Chega o momento no que algunhas familias nos veñen a consultar sobre os agasallos de Nadal recomendables para os seus fillos e fillas. Así como, hai anos, elaborábamos folletos informativos que enviábamos ás casas do noso alumnado, a día de hoxe –e non é unha actitude derrotista, senón realista- non o facemos. Sobra información. Todo tipo de asociacións e institucións de consumidores, de igualdade, de sostibilidade, etc, elaboran ese tipo de folletos. A meirande parte das familias saben a “teoría”: deberían mercar xoguetes que desenvolvan a creatividade e a intelixencia infantil, que non transmitan estereotipos de sexo-xénero, que non sexan bélicos, que cumpran con criterios de seguridade…; e en que se traduce todo este coñecemento?, quen lles facilita aos nenos e nenas os catálogos comerciais?, quen pode controlar os agasallos dos familiares e das amizades?, quen fomenta o de escribirlle a carta a Papá Noel, aos Reis, ao Apalpador, a… ? Será unha vez máis o de sempre, unha morea de agasallos sofisticados, un día tras outro, aos que non lles prestarán nin un chisco de atención.

Sempre lles dicimos que nos preocupa máis o día a día que o Nadal. Na actualidade os cativos reciben agasallos por calquera motivo: polos aniversarios, pola visita dalgún familiar, polo nacemento dun irmaciño –para que non teñan celos-, pola visita a un centro comercial, etc. Nós non podemos, nin temos os medios para loitar contra o consumismo imperante na sociedade actual, pero si para fomentar actitudes críticas de cara ese consumo sen sentido.

Porén iniciamos a nosa particular campaña nas aulas. Falando con eles, facéndolles ver as “prestacións” dalgunha das súas preferencias. E lendo, lendo moitos contos sobre agasallos diferentes. Velaí a nosa escolma:

-“Un agasallo diferente”, de Marta Azcona e Rosa Osuna en Kalandraka.

-“Coas mans baleiras”, de Ana Tortosa e Cecilia Varela en OQO.

-“La palabra que se fue de vacaciones”, de Vicente Vilana e Carmela Mayor en Brosquil.

-“El regalo del pescador”, de Rocío del Mar Antón, Dolores Núñez e Xavier Vilagut en Beascoa.

-“A caixa dos recordos”, de Ana Castagnoli e Isabelle Arsenault en OQO.

Fermosos álbums que transmiten a idea da importancia das pequenas cousas, do grande valor da intención e dos afectos, do que non se pode mercar cos cartos. Mesmo lle recomendamos a súa lectura ás familias, poida que lles faga tanta falta ou máis que aos nenos.

E ollo coa responsabilidade da escola no fomento do consumismo!, que tamén ten a súa parte de culpa, co que facemos, co que dicimos, co que amosamos, co que gastamos…

Deixar un comentario