Entidades locais e educación da primeira infancia

O pasado 14 e 15 de outubro, tivo lugar en Madrid o “Encuentro entre entidades locales: educación para la primera infancia“, un foro de debate onde se tratou o papel dos municipios na escolarización do primeiro ciclo de EI. En España na actualidade, acadouse a taxa de cobertura do 34,1%, e o 70% do total de centros públicos son de titularidade municipal –preto de 3.000.

A máis de procurar a conciliación da vida familiar e laboral das familias, a educación da infancia tense revelado como un elemento determinante no posterior devir académico do alumnado.Polo tanto, a calidade do servizo que se presta á cidadanía e aos máis pequenos, os espazos nos que se acollen, a formación do persoal que os atende, os materiais que se empregan, e as metodoloxías que se aplican, son aspectos a ter en conta desde dos departamentos educativos dos concellos. Como se pode ver no programa, aos asistentes entregáronselle modelos de documentación e protocolos de actuación con respecto á xestión eficaz dunha escola infantil. Unha mágoa que o ministerio non publique eses materiais no seu web, de seguro que serían de utilidade.

No programa vemos os títulos das interesantes intervencións ao longo destes dous días, pero non sabemos se foi tratada a tan necesaria coordinación entre os centros 0-3 e 3-6. Así mesmo, descoñecemos se se tratou a oferta educativa municipal non formal ou informal dirixida á primeira infancia. Referímonos a todos os servizos e persoas que interveñen cos máis pequenos ao longo de todo o día. Recordemos que iso tamén ten unha vertente educativa: os programas madrugadores, os comedores escolares, as actividades extraescolares, as ofertadas desde as bibliotecas, ludotecas, etc. En máis dunha ocasión temos comentado que a FEGAMP podería tomar a iniciativa de que os concellos elaboren unha carta de servizos á infancia, ao estilo do que se fai en Reggio Emilia. Explicitar con claridade a finalidade educativa de todas as intervencións coa infancia e coas súas familias. O só feito de escribir esa carta de servizos podería axudar a mellorar a calidade da atención, superando a barreira do indicador cantidade.

Deixar un comentario