A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘InnovArte’

Premios á innovación educativa 2010

In PremiArte on 03/10/2010 at 20:12

Convocados os premios á innovación educativa para aquelas experiencias escolares desenvolvidas no curso escolar 2009-2010. O prazo de presentación remata o día 11 de outubro.

No que se refire á educación infantil, poderase participar pola categoría 1 –compartida con primaria- desde tres modalidades: fomento do plurilingüísmo, introdución das competencias básicas na aula dixital e atención á diversidade. En cada unha das tres modalidades: un 1º premio de 6.000€, tres 2º premios de 4.000€ e cinco 3º premios de 2.000€.

Cómpre salientar que se fai moito fincapé –tanto nos requisitos coma nos criterios de valoración- que os materiais presentados favorezan a adquisición das competencias básicas e de aprendizaxes significativas por parte do alumnado, ao tempo que sexan de utilidade para as “aulas dixitais”. Isto é moi importante, porque a día de hoxe atopamos moitos materiais elaborados para as chamadas escolas 2.0, que non son máis que aquelas denostadas fichiñas escolares cun pouco de animación multimedia e absolutamente infantilizadas. Os autores destes materiais, totalmente aducidos pola súa pericia no manexo de programas, esquecen que só lles van producir aprendizaxes significativas a eles mesmos –polo duro proceso de elaboración-, pero logo para os rapaces, nada de nada. Nós non somos partidarias da idea que se intenta transmitir dese profesor/a “orfebre”, non somos técnicos informáticos; o que debemos e temos que facer é aproveitar didacticamente o que a día de hoxe podemos atopar pola rede. Nós somos os que temos o criterio para verlle esas posibilidades e sabemos en que momento nos poden ser de utilidade. É a nosa opinión, e tamén o que intentamos facer. Ao igual que sucede coas lecturas, poemas, historias, que  seleccionamos sen necesidade de telas que escribir nós mesmas, o mesmo acontece cos recursos dixitais. Pero en calquera caso, a responsabilidade será de quen se encargue de premiar esas experiencias e de difundilas a modo de boas prácticas.

Día de…, Día de…

In InformArte on 16/05/2010 at 09:33

Alguén que nos siga pode preguntarse como é posible que nunha das primeiras entradas nos “rebeláramos” contra “A folclorización das conmemoracións escolares” e agora resulta que moitos dos post que imos engadindo fan referencia ao Día desto ou ao Día destoutro. Ben, cremos que cómpre facer unha aclaración, non se trata dun problema de falta de coherencia, seguimos pensando o mesmo, nas aulas e nos centros non podemos movernos a golpe de celebracións, máxime cando consultamos o calendario de días internacionais, case que cada un dos días do ano se dedica a un motivo. O que sucede é que á hora de buscar información, para ir construíndo o noso discurso, hai moitas ocasións nas que un deses días de…, danos ideas sobre temas a tratar. En modo algún estamos propoñendo que se celebren todas esas datas. Tan só é un criterio de organización das procuras e de publicación de recursos. Polo de agora non temos as ideas arremuiñadas.

Comezamos a nosa andaina blogueira!

In ActualizArte on 27/01/2010 at 16:28

“Para que la maestra sea la que debe ser es necesario que deje de ser niñera, y además que no enseñe labores manuales, enseñanza que tal como hoy la da de nada o poco sirve, y que hace imposible la literaria.(…)”

Este texto paradigmático atopámolo recollido en La instrucción del pueblo (1881), de Concepción Arenal, muller galega que tanto defendeu a dignidade profesional das mestras como o necesario cambio de ruta na configuración do currículo das escolas de nenas, daquela, separadas das de nenos e atendidas por mestres.

Malia que mais de cen anos nos separan e moitas conquistas históricas no campo da educación infantil, quixemos iniciar este blogue con esta cita, porque cómpre tela presente…

No ano 2009, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) publicou a obra Mulleres na educación en Galicia, coordinada por Mª José Méndez Lois, froito de un proxecto de investigación co obxecto de visibilizar as distintas achegas á educación que fixeron as mulleres, ao longo do tempo en Galicia.