Dicir que temos unha teima co consumo responsable non é unha novidade para as persoas que habitualmente seguen este blog, porén tratamos de coñecer, entender e eludir as estratexias que emprega o mercado para facernos caer unha e outra vez nas súas redes, tanto por motivos persoais como, e sobre todo, por motivos profesionais; consideramos que unha das aprendizaxes máis importantes que debe ter lugar na escola é a das implicacións da actual sociedade do consumo.
Emporiso, interesounos o título e referencias do libro de Martin Lindstrom “Así se manipula al consumidor”. A súa lectura arrepía e satura por igual, xa que logo, segundo imos descubrindo como as empresas nos lavan o cerebro, sentímonos totalmente indefensas e incapaces de facerlles fronte. O primeiro capítulo “Compra, bebé, compra. Cuando las empresas empiezan con el marketing en el útero”, fainos comprender o marcadas que chegan xa as criaturas á idade escolar, e algo sobre o que temos alertado en varias ocasións: o potencial perigo de moitos xogos on line que se ofrecen de balde.
Recomendámolo, non para que deixedes de mercar, xa que o mesmo autor recoñece que é imposible, senón “co propósito de concienciar e capacitar aos lectores para que tomen decisións máis intelixentes, sensatas e con máis fundamento sobre que mercan e para que. Despois de todo, xa é dabondo!”