O vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, é día non lectivo, cousa que non nos preocupa, pois como vimos dicindo en repetidas ocasións, estes son temas que hai que tratar no día a día non nunha data puntual no ano.
As editoras xa nos enviaron as súas listaxes de albumes infantís que poden ser empregados para conmemorar esta data; as webs institucionais fan o mesmo, os medios de comunicación atóannos con noticias –sobre todo ingratas- ; hai fermosas presentacións sobre as mulleres na arte, poemas, música, vídeos e curtas…, hai de todo e sen embargo segue a haber diferenzas, discriminación laboral e social.
Nós, inspiradas no libro de Gemma Lienas “O diario violeta de Carlota”, agora traducido ao galego por Galaxia, faremos como a protagonista e autora do diario, tentaremos que o noso alumnado se poña uns lentes violeta que lle axude a ver as diferenzas, os estereotipos de sexo xénero presentes en todo aquilo que está ao seu alcance:
-Nos contos que lles lemos, non queremos dicir con isto que haxa que vetar determinadas lecturas, senón máis ben ensinarlle a entendelas na clave que corresponde.
-Nas series televisivas que consumen, que máis ca nunca reproducen uns modelos de muller-complemento-adobío do home.
-Nos roles que asumen no xogo simbólico, representación do que ven e do que viven.
-Nas expectativas de futuro que se xeran sobre eles e sobre elas.
Ollaremos cos lentes violetas o día a día.