Aulas hospitalarias

Unha alumna nosa tivo que ser hospitalizada. Cando nolo comunicaron –non podería dicir se afortunada ou desafortunadamente- souben que a familia non sabía da existencia das aulas hospitalarias en todos os grandes complexos hospitalarios de Galicia. O peor, é que moitos e moitas compañeiras docentes tampouco as coñecen, nin como se accede a elas, nin cal é a función que realizan, nin –e isto é o máis grave- como se artilla a comunicación/relación entre unha aula hospitalaria e os centros educativos de referencia, no caso dunha hospitalización prolongada dun neno ou nena no tramo do ensino obrigatorio.

Fai dous anos a CEOU, publicou “A atención educativa hospitalaria e domiciliaria en Galicia”, dentro da colección Orientación e respostas educativas. Nesta sinxela publicación recóllese, a finalidade da atención hospitalaria e domiciliaria, como se accede a estes servizos, cal é o modo de relación entre os centros educativos e os responsables de atender ás criaturas nos hospitais ou nos seus propios domicilios –cando a enfermidade obriga a períodos de convalecencia prolongados-, a quen lles corresponde establecer o contacto e seguimento académico do alumnado, cal é o papel das familias, dos centros e do persoal que nese momento os atende, etc.

Complétase a publicación cuns anexos a empregar desde o momento da hospitalización, da súa permanencia no complexo sanitario e do seu retorno ás aulas ordinarias. Finalmente, recolle os enderezos de todas as aulas hospitalarias de Galicia sitas nas sete grandes cidades, e a Carta Europea dos Dereitos dos nenos e nenas hospitalizados.

Máis alá do meramente académico, saliéntase que nestas situacións é de grande importancia a relación e contacto que poidan manter os nenos/as hospitalizados cos seus compañeiros de centro. Non cómpre aquí explicar o valor dos aspectos emocionais e relacionais nunha situación destas características. Tan só dicir que na actualidade, atendendo ás ferramentas das que dispoñemos –correo electrónico, videoconferencia, chats, etc- é algo ben doado, e cunha grande incidencia na evolución do neno ou nena enfermos.

No libro “Medrando sans: de sentimento en sentimento… de emoción en emoción”, recóllese unha experiencia de traballo coas emocións dos nenos e nenas hospitalizados no CHUVI, de entre as moitas que desenvolve a mestra da escola, e polas que recentemente participou nun Encontro Iberoamericano celebrado na cidade de México.

1 Comments

Deixar un comentario