Cal é a LIX de calidade?

Se houbo unha constante ao longo de todo o 32º Congreso IBBY foi falar da Literatura Infantil e Xuvenil de calidade (LIX) –aínda que non tiven o pracer, supoño que sería igual en todas as anteriores edicións do encontro internacional-, mais para os profanos xurde inmediatamente a pregunta: que é o que diferenza un libro de calidade doutro que calificaríamos de mediocre? É obxectivable ? Pódese cuantificar?

Tratouse decote a necesidade de orientar aos mediadores, docentes, axentes de dinamización cultural…, para que elixan lecturas de calidade, pero cales son estas? Ou deixámolo á arbitrariedade dunha crítica que en moitas ocasións opina avalándose en criterios que pouco teñen que ver co “peso” da obra?

Trala intervención de Teresa Colomer, na rolda de preguntas, pedíronselle pautas. Ela respondeu que pouco sabemos dos motivos polos que un libro conecta cos lectores. Valorar a calidade é moi complexo, continuou; na comida, na bebida, na arte…, faise por comparación; se alguén non pode comparar, non pode saber se algo é máis bo ou menos malo. Pero segundo ela, ata o libros mediocres son necesarios; serán un referente. Remitiunos a Emili Teixidor. Este autor catalán, no seu artigo “Estrategias del deseo o trucos para leer”, gañador do VI Premio Periodístico sobre a lectura da FGSR, no 2005, di que “todos os lectores buscan nos libros unha metáfora da felicidade.”, será logo, que os libros de calidade son os que abren unha porta á esperanza. Recomendamos encarecidamente a lectura deste artigo.

E recomendamos, tamén, a lectura de “Siete llaves para valorar las historias infantiles”, obra dirixida por Teresa Colomer, para a FGSR, publicada no 2002 e froito dun seminario no que participaron, entre outros, L.M. Cencerrado, Antonio Ventura, Teresa Corchete, Xabier P. Docampo e moitos máis expertos en LIX. Estrutúrase en oito capítulos, sete deles centrados en aspectos integrantes dos libros álbum, sendo o oitavo a visión de conxunto. Ao remate de cada un deles, da unhas pautas sobre cuestións a ter en conta con respecto a cada un deses elementos constitutivos da obra.

No 1º capítulo trátase sobre a imaxe e a súa relación cos textos infantís. O 2º imaxina o itinerario dun lector que se familiariza progresivamente coa forma que teñen as historias da nosa cultura. O 3º, parte da idea de que os libros lle falan aos nenos e nenas a través do conxunto de voces dos seus narradores. O 4º alude á experiencia estética, á forma na que se fusionan as artes plásticas e a literatura. O 5º céntrase na posibilidade de multiplicar ou expandir a experiencia propia a través da vivencia dos personaxes. O 6º trata da posibilidade de ampliar as fronteiras do contorno coñecido a través dos libros. E o 7º, contempla os libros como unha porta de entrada do lector na vida.

De seguro que cando eliximos unha obra ten máis que ver con cuestións emocionais e totalmente subxectivas, polo que é interesante coñecer os ítems observables nunha obra para considerala de calidade. “Siete llaves para valorar las historias infantiles” xunto con “La formación del lector literario”, son lecturas altamente recomendables, para profesionais da educación, especialmente para integrantes de equipos de dinamización da biblioteca escolar.

Deixar un comentario