Lecturas italianas

Sempre que viaxamos procuramos levar algunha lectura ambientada no país que imos visitar; neste caso, unha boa amiga agasallounos co libro “O armiño dorme” de Xosé A. Neira Cruz e publicado en Galaxia. Relata os últimos días de Bia de Medici, unha muller que vive a experiencia amorosa na Florencia do século XVI. Unha delicia chea de sensibilidade, coma todas as obras do autor. Gañadora de moitos recoñecementos nacionais e internacionais. Catalogada como de literatura xuvenil pero apta e interesante para o público adulto.

A estadía en Reggio Emilia tamén quedará para sempre vinculada ao libro “Antón Chéjov” da autora italiana Natalia Ginzburg e publicado en Acantilado. A miña compañeira de viaxe, coñecedora da miña debilidade polos contos do escritor ruso, sorprendeume con esta pequena xoia na que se narra a vida breve do autor, cun tono bastante semellante ao empregado por “un dos mellores retratistas da alma humana”, Antón Chéjov, autor de, entre moitos, “El beso” ou “La dama del perrito”, que por certo, estase a representar nos circuitos teatrais galegos baixo o título de “El juego de Yalta-Afterplay”, da man da compañía Teatro do Atlántico. Neste web pódense atopar moitos dos seus contos.

Deixar un comentario