Cultura infantil e multinacionais

O cambio das realidades económicas emparellado co acceso dos nenos á información sobre o mundo adulto alterou especialmente a infancia. Pódese entender a infancia como unha fase natural do crecemento, do proceso de converterse en adulto pero tamén se pode ver como un constructo ou creación da sociedade que está suxeita a cambio cada vez que teñen lugar transformacións sociais importantes. 

Os pais de hoxe en día non controlan xa as experiencias culturais dos seus fillos, perderon o seu papel de antano no desenvolvemento dos seus valores e da súa visión do mundo. Antes os rapaces tiñan poucas experiencias que estiveran fóra da supervisión dos seus pais ou foran actividades realizadas por eles e compartidas con outros. Na actualidade os programas de televisión, as películas, os xogos de vídeo e a música, son dominio privado dos nenos. O gran dilema da infancia postmoderna é que o acceso dos nenos á cultura infantil comercial non só os motiva a se converter en consumidores hedonistas senón tamén dana a inocencia. O acceso infantil polos medios da hiperrealidade perverteu a consciencia de sí mesmos como entidades incompetentes e independentes. Os nenos postmodernos non están acostumados a pensar e a obrar como seres pequenos que precisen permiso adulto para obrar. Por que na actualidade nos parecen os nenos tan desafiantes, tan difíciles de controlar? Poida que sexa porque non se ven a sí mesmos da mesma maneira que os ven os adultos. Os nenos na actualidade ven o mundo tal e como se lles presenta a través dos medios de comunicación. A nada que nos deteñamos na observación das series infantís vemos que os nenos viven sos, teñen os seus grupos de amigos, viaxan en naves espaciais, solucionan problemas, visitan museos, pero en poucas, moi poucas ocasións os vemos en contextos familiares, ou con adultos que os acompañen e os guíen.

Este é un aspecto que da para moito reflexionar…, aquí é onde a escola se xoga o seu papel. Como especialistas en educación, se queremos comprender o proceso educativo no século XXI, require que examinemos tanto a pedagoxía da escola como a pedagoxía cultural. Esaxerando, podemos dicir que a día de hoxe, os profesores máis importantes da sociedade non exercen o seu oficio nas escolas. O currículo dos nenos non se dita desde a administración, senón desde as compañías produtoras de cultura infantil. A cultura infantil serve como un mecanismo de refracción ideolóxica, unha forza que produce significados particulares que inducen aos nenos a interpretar os acontecementos dentro dun rango específico de posibilidades. As películas, os libros, os xogos de vídeo moldean a forma na que os nenos brancos, por exemplo, comprenden aos pobres e marxinados; como se establecen as relacións de sexo/xénero, a violencia, a xustiza. Pais e educadores teñen que apreciar a natureza desta revolución e o seu papel na formación da identidade do neno. Pero condenar ou censurar esta cultura non é a solución ao problema. Hai unha necesidade de reconceptualización da educación da infancia. A alfabetización nos medios converteuse nunha destreza necesaria para negociar a propia identidade, os valores e o benestar. Os educadores que rexeitan o estudio da alfabetización nos medios da cultura infantil son os que terán que afrontar os seus efectos.

Recomendamos a lectura do libro Cultura infantil y multinacionales  coordinado por Shirley R. Steinberg e Joe L. Kincheloe, publicado en Morata no ano 2000. Pódese acceder a partes dos distintos capítulos, entre os que destacamos “¿Son las películas de Disney buenas para sus hijos?”e “Los juegos de vídeo y el surgimiento de medios interactivos para los niños”.

Deixar un comentario