AromatizArte III: espantainsectos

Fai dúas semanas centramos o noso interese nas couzas; ao longo de varios días observamos que entraban moitas na clase, cadaquén expuxo o seu coñecemento sobre elas e decidimos averiguar máis porque un neno dixo que na casa do seu avó comeran unha cadeira, algo que lle pareceu absolutamente imposible aos compañeiros. Denominamos este pequeno traballo de investigación “La polilla que se comió una silla”. Daquela soubemos que hai unha grande variedade de couzas, da roupa, dos libros, das mazás, das patacas, da madeira…; polo que fomos tratando de saber cal sería o interese das couzas na nosa clase, ata que concluímos que viñan ás castañas que aínda conservábamos no supermercado desde o pasado outono. Cando se lle solicitou información ás familias, case todas coincidiron en falarnos das couzas da roupa, dos danos que ocasionaban e dos métodos que empregaban para evitalas: saquiños perfumados, pulverizadores, plaguicidas, ventilación, etc.
Agora, no marco do proxecto AromatizArte, retomamos o tema: vimos as vantaxes da utilización de herbas aromáticas para previr esas pragas. A melisa, o romeu e a herba luísa, a máis das súas propiedades e usos como relaxantes, como aromatizantes ou na cosmética (pasta de dentes, xampús, etc), son repelentes de insectos, así preparamos saquiños perfumados para os seus cuartos e armarios con estas herbas.  Unha maneira de respectar o medio e a vida sen os prexudiciais aerosoles.

2 Comments

  1. Magnífico!!!, xa me están soando as “campaniñas” de ideas… As vosas achegas e reflexións estanme a facilitar a volta á aula. GRAZAS

    1. Pois a nós a estas alturas xa se nos están esgotando…, non sei se as ideas ou o ánimo. Veña que hai que tomar o relevo!!! O vindeiro curso esperamos as túas campaniñas… bueno concederémosche un período de adaptación pero logo xa a pleno rendemento, eh!

Deixar un comentario