A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘traballo por proxectos’

Reggio 13ª: experiencias de traballo

In ActualizArte,InformArte on 24/04/2010 at 15:16

Loris Malaguzzi acostumaba dicir que “para facer boa educación debemos pechar os libros de psicoloxía, pedagoxía e didáctica”; para él, no ensino, precísanse persoas que teñan un perfil profesional con un punto de vista amplo e complexo para poder realizar cos nenos e coas nenas, experiencias, non só educativas, senón, culturais e sociais; que ás veces a excesiva formación en psicoloxía e pedagoxía ou didáctica, non permite despregar.

Hai xa bastantes anos, Morata, publicou “Escuelas infantiles de Reggio Emilia. La inteligencia se construye usándola”, recompilación de diversos artigos de experiencias nas escolas, publicados na revista “Bambini” entre os anos 1985-1990.

Na actualidade, parte desta obra está dispoñible na rede. Nela atopase recollido como se concibe o xogo; cal é o rol dos espazos nas escolas reggianas, para eles o terceiro educador; a historia do atelier; o traballo con títeres e marionetas; a experiencia de cociñar; o descubrimento do engaiolante mundo dos signos, e moitos outros, que poden axudar a comprender como é a praxe nestas escolas.

Reggio 6ª: o traballo por proxectos

In InformArte on 12/04/2010 at 22:23

Unha das preguntas máis repetidas no grupo de estudos e nas visitas ás escolas reggianas era se traballaban por proxectos e se eran construtivistas. A resposta foi sempre a mesma, eles teñen un proxecto educativo que responde a uns principios; Reggio é un proxecto e unha experiencia, non é unha metodoloxía. A nós quedounos unha dúbida, todas e todos entendemos o mesmo cando se fala de traballar por proxectos?, que engloba iso de ser construtivistas?, certamente cremos que hai moito confusionismo ao respecto.

Algunhas persoas téñennos preguntado neste blog se somos construtivistas, sempre respondemos que pretendemos ser construtivas e construtoras, con iso parécenos dabondo para etiquetarnos.

No último número de Cuadernos de Pedagogía, o 400 de abril do 2010, nos gratuítos atopamos un artigo do máis esclarecedor, “Los proyectos de trabajo, tejido de relaciones y de saberes”, no que a máis de ilustrarnos sobre en que consiste o traballo por proxectos, deixan claro aspectos como: os proxectos de traballo non poden asimilarse a unha aprendizaxe construtivista; os proxectos non poden meterse en libros de texto; non deben considerarse como unha igrexa ou un club que lle impón aos seus membros como ser e como pensar. Absolutamente aconsellable.

Así mesmo, e como suxestión de lectura, recomendamos a publicación da consellería “O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria”, que se atopa en todos os centros e que se pode descargar desde o seu web.

Outro día falaremos do construtivismo e doutros “ismos”.