A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘sinestesias; sons’

(Re)Creando sons

In MusicArte on 17/02/2012 at 07:47

Seguimos explorando as posibilidades do corpo como produtor de sons máis alá da voz.

Nun ambiente axeitado de silencio e relaxación, o alumnado escoita os sons do primeiro vídeo, sen ver a imaxe. Identifican que se trata do son da choiva e de tronada.

Deseguido, facemos o mesmo co segundo, sen imaxe. Pensan que se trata do mesmo ata que posteriormente se proxecta. Daquela descobren que son sons producidos co corpo, que ben sincronizados semellan choiva e tronos.

Tratamos de facer algo semellante;  e como a nosa lingua é tan rica en palabras para nomear a choiva, tentaremos reproducir orballos, arroiadas, chuvieiras, trebóns, pedrazos, sarabiadas  ou escampadas.

Sinestesias I: o son da choiva

In EmocionArte,MusicArte on 11/05/2010 at 10:47

Hai un vídeo na rede que está sendo un récord de visitas, Rainymood, unha gravación de 30 minutos do son da choiva sobre o chan; seica o empregan para a relaxación.

Pareceunos ben interesante para traballar co noso alumnado as sinestesias. A sinestesia é unha facultade pouco común que teñen algunhas persoas, consistente e experimentar sensacións dunha modalidade sensorial particular a partir de estímulos doutra modalidade distinta. Hai casos de persoas que ven os sons de cores, ou ás que determinados sabores/olores prodúcenlle sensacións táctiles.

Malia que é un fenómeno que só afecta ao 1% da poboación, pareceunos de grande interese provocar nos cativos, ou ensinarlles a comprender as distintas sensacións que lles pode producir un estímulo, neste caso auditivo. Tan doado como pedirlles que se deiten, pechen os ollos e escoiten a gravación da choiva; logo verbalizaremos as sensacións que sentiron, tamén prestaremos atención aos movementos do corpo, como se aniñan. Noutra ocasión podemos probar con este son, ou con estoutro.

No programa Redes de Eduardo Punset, dedica o capítulo 22 ás sinestesias, “Flipar en colores”, para o que entrevista ao neurocientífico David Aegleman, director do Laboratorio para la Percepción y la Acción da Universidade de Texas. Transcrición da entrevista. Así mesmo, facilitamos a transcrición da entrevista Richard E.Cytowic, onde expón que unha razón que pode explicar que haxa adultos sinestésicos é porque todos os bebés son sinestésicos. Algo que logo se vai modificando co tempo e coa aprendizaxe.