A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘semana da prensa’

Prensa na escola

In InformArte on 09/03/2010 at 22:58

Do 8 ao 12 de marzo celébrase a Semana da Prensa na Escola. É unha boa ocasión para traballar sobre a importancia dos medios de comunicación escrita e o seu papel como informadores; sobre os xornais e as noticias, que son e para que serven; o formato das noticias; a análise tipográfica dos xornais e o seu modo de lectura. Ben sabemos que  son actividades que se poden realizar co alumnado de educación infantil, malia que haxa quen pense o contrario. A modo orientativo, pódese consultar o artigo Secuencia de tipoloxía textual con texto informativo: a noticia, da mestra Teresa Neira, publicado no libro “Medrando sans, de sentimento en sentimento…, de emoción en emoción”, a partir da páxina 161.

No mesmo libro, páxina 156, recóllese unha secuencia didáctica sobre o conto “E que podo facer eu?” de OQO,  que apela á solidariedade entre as persoas e a historia xorde da raíz da lectura dunha noticia no xornal. “Todas as mañás mentres toma o almorzo, o señor X le o xornal…, sen saltar a letra pequena. Algunhas noticias non lle moven un pelo, outras fanlle cóxegas e moitas danlle arrepíos desde a punta da deda gorda ata a punta do nariz. Entón o corpo éncheselle de preocupacións …”

Para ler na clase: “El mágico mundo de los periódicos”, de María Oset en Pequepress. Un álbum ilustrado que trata de achegar o alumnado ao mundo dos periódicos comparándoos con bolas de cristal, sopas de letras…, e poñendo aos seus protagonistas no papel de reporteiros.

Programa PRENSA-ESCOLA

In InformArte on 09/03/2010 at 22:56

Prensa-Escola é un proxecto que promove  La Voz de Galicia coa intención de que o xornal se converta nun recurso didáctico. Para elo conta cun suplemento semana La Voz en la Escuela, unha páxina web onde atoparemos, entre outros apartados La noticia do día, Tal día como hoxe e todos os suplementos publicados.

Teñen publicadas dúas guías para o profesorado:

-“El periódico”, onde se revelan os aspectos básicos da prensa que son necesarios para coñecer un xornal e a súa estrutura.

-“La noticia”, recolle como se estrutura a información, como se recoñece, comprende, analiza e aplica a noticia.