A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘OCDE’

Situación do profesorado na OCDE

In InformArte on 27/04/2011 at 15:00

Infografía na que se recolle datos sobre a situación do profesorado nos países OCDE: salario, ratios (alumnado/profesor) e  horas de clase.

Recomendamos a lectura das reflexións de XarxaTIc arredor disto.
Teachers Worth Around the World | Infographic |
Via:Master-Degree-Online.com

Informe OCDE 1:1 en educación

In TICArte on 09/12/2010 at 15:11

O Instituto de Tecnoloxías Educativas (ITE) vén de presentar a tradución do informe da OCDE “1:1 en Educación: prácticas actuales, evidencias del estudio comparativo internacional e implicaciones políticas”. Trátase dunha análise das iniciativas 1:1 (un ordenador para cada alumno) adoptadas en moitos países e avalía os resultados do acceso dos rapaces 24 horas ao día, 7 días á semana a un dispositivo TIC con conexión a Internet.

Tras unha introdución xustificativa do informe, vai debullando:

-As oportunidades e riscos de 1:1 con perspectiva internacional; pescuda nas razóns de que se estea a investir en 1:1; en como se está apoiando ao profesorado e ao alumnado; e apunta as conclusións principais.

-Que sabemos sobre o impacto do uso das TIC en educación, se isto axuda a que emerxan novos modelos ou contornos de aprendizaxe; como melloran os resultados do estudantado; e se 1:1 axuda a salvar a división dixital en educación.

-Finalmente trata as leccións aprendidas e as implicacións nas políticas.

Non dá resposta nin sobre a efectividade/custe nin sobre os impactos educativos do 1:1, tan só eleva as mesmas preguntas que nos facemos moitos e moitas profesionais do ensino, que se resumen no que segue:

Baséanse na crenza de que capacitando ao alumnado para conectarse a Internet e conectarse entre si, pódese contribuír a salvar a fenda dixital ao tempo que transforman a educación para axudar mellor ás necesidades sociais. Porén, os obxectivos destes programas son: proporcionar destrezas TIC, minorar a fenda dixital e mellorar a calidade do ensino. Pero as preguntas que xorden de inmediato son: que razóns políticas hai detrás destas iniciativas?; cantos e que tipo de parceiros están participando?

O profesorado precisa dunha visión clara de cales son os obxectivos de aprendizaxe xa que, como ben sabemos, a dispoñibilidade de tecnoloxía informática, de seu, non terá ningún impacto nos estilos docentes ou de aprendizaxe. Os programas 1:1 dependen en gran medida do profesorado para que teñan éxito.

Canto aos resultados académicos do alumnado, detéctase un impacto positivo sobre as destrezas TIC e de expresión escrita, así como unha asociación máis modesta entre 1:1 e mellora noutras áreas académicas como as matemáticas.

A desigualdade no uso das TIC podería provocar unha “segunda fenda dixital”. A equidade non pode reducirse ao acceso a aparellos tecnolóxicos. O alumnado con capital cultural alto pode beneficiarse das oportunidades de aprendizaxe asociadas ás TIC, pero o resto do alumnado non, entón, como se beneficiarán os máis pobres e os menos capaces con estas reformas?

A meirande parte das avaliacións realizadas ata o de agora son descritivas do proceso de implementación e do deseño do programa, aínda non se sabe nada da relación entre implantación e resultados académicos. O uso de dispositivos TIC en iniciativas 1:1 varía moito entre centros, dependendo fundamentalmente do profesorado.

Polo tanto sería un bo momento para pararse e analizar resultados ou para facer os axustes precisos, recordando que un ordenador por neno no é unha fin en si mesma e ten un custe moi elevado como para non saber en que se traduce.

Sistema estatal de indicadores da educación 09

In InformArte on 01/02/2010 at 17:13

Do sistema estatal de indicadores da educación, elaborado polo Instituto de Evaluación publicouse a primeira versión no ano 2000 coa intención de dispor dun instrumento para describir e coñecer a realidade educativa do país. Estes proporcionan información relevante sobre o grado de calidade e equidade que acada o sistema educativo.

A edición do 2009 do Sistema estatal de indicadores da educación, recolle os 38 indicadores prioritarios clasificados do seguinte xeito:

Indicadores de contexto: poboación escolarizable, PIB por habitante, nivel de estudos da poboación adulta e expectativas máximas de estudo.

Indicadores de recursos: gasto público en educación, gasto por alumno/a; ordenadores e acceso a internet nos centros educativos; alumnado por grupo e por profesor.

Indicadores de escolarización: escolarización en cada etapa educativa; evolución das taxas de escolarización; alumnado estranxeiro; alumnado con n.e.e.

Indicadores de procesos educativos: tarefas directivas, perfil directivo e tempo dedicado; participación das familias no centro; traballo en equipo do profesorado; actividades do alumnado fóra do horario escolar; titoría e orientación educativa; formación permanente do profesorado; relación na aula e no centro.

Indicadores de resultados educativos: resultados en EP, competencias clave aos 15 anos de idade; adquisición de actitudes e valores; idoneidade na idade do alumnado; abandono escolar; taxas de graduación; diferenzas de ingresos laborais segundo o nivel de estudos.

Panorama da educación. Indicadores OCDE 2009

In InformArte on 01/02/2010 at 17:07

O proxecto INES da OCDE ten o propósito de ofrecer indicadores cuantitativos que permitan a comparación dos sistemas educativos dos países membros e deste xeito poder coñecer a eficacia e a evolución dos devanditos sistemas. O informe 2009, con datos do curso 06/07, elaborado polo Instituto de Evaluación do Ministerio de Educación permítenos coñecer entre outros, datos como: a alta porcentaxe de mulleres mestras en EI en España (88%), aínda que non chega á media da OCDE e da UE (98%); que as retribucións do profesorado e as horas netas de clase en España son lixeiramente superiores ás dos países OCDE e da UE; que coa idade do profesorado sucede o mesmo; as ratios alumnado/profesor; que o salario inicial do profesorado español, tanto de primaria coma de secundaria é superior ao da OCDE e da UE.