A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘matemáticas’

Camiños V: camiños indelebles para lembrar de onde vimos

In EmocionArte on 20/06/2018 at 17:00

DSCN5139

Mimamos moito os previos ao paso de infantil a primaria, xa que logo é tamén un chanzo da infancia á nenez, máxime no noso caso que supón un cambio de centro. A eles sempre lles produce unha mestura entre o desexo de ser coma os “maiores” e a anguria de deixar a escola infantil, o territorio coñecido. Emporiso, entrado o mes de xuño comezamos a planificar esa primeira visita á que os acompañaremos. A máis do previsto por ambos equipos de orientación, a nós gústanos facer algo para recordar. É xa un dos nosos rituais de fin de ciclo.

Sempre queremos facer o camiño a pé para que lle tomen a medida á distancia que nos separa, así, nesta ocasión, por mor do mal tempo, houbo que adialo ata o pasado luns. Poderíase facer en bus, máis cremos que non sería o mesmo. Malia que temos un tramo que atravesa todo o polígono industrial, logo hai un que descorre polo medio do bosque que fai que perdoemos todo o inhóspito que é o anterior.

Cando empezamos a falar da visita, apuntaron que lles gustaría ver aos irmáns e amigos, que foran eles quen os recibiran e fixeran de anfitrións; o que se lle comunicou ao centro facilitándolle os nomes e os cursos. Tamén comentamos sobre os agasallos que levaríamos, aí non houbo dúbida: poemas das bubelas para a carballeira que rodea o centro, un exemplar do libro “Rechíos poéticos” para a biblioteca, unha rosa dos ventos para o patio de xogos (para saber sempre por onde sae o sol), un libro coas preguntas ao CEP para quen llelas puidera responder, un conto para o que será a súa nova aula (elixiron un con mapas), e unha carta da mestra presentándoos perante quen será a súa nova/o titor/a. Se na promoción anterior os agasallaramos cunha presentación especial de cada un deles, nesta cremos que tamén quedan ben retratados cos seus gustos, coñecementos, afeccións e intereses.

DSCN5071

Cando estabamos a facer o libro das preguntas e dúbidas que tiñamos sobre o centro de primaria e as súas dinámicas, xurdiu o temor de que unha vez alí non se lembraran do camiño para volver á escola infantil.

Buscamos solucións. A máis literaria, a de facer coma Hansel e Gretel ou Pulgarcito que ían deixando pedriñas polo camiño foi a que máis lles convenceu. Aínda que había algúns que insistían na idea de ir cun mapa pois segundo eles sería o máis fiable, unha vez proposto o de ir deixando seixos xa non houbo volta atrás.

Lembraban tamén que estes personaxes de contos fallaran cando deixaran anaquiños de pan, paus ou grans de millo, con todo falaron de que os seus amigos os paxaros nos indicarían o camiño se lles deixabamos comida.

Como se pode supor aceptamos malia que as cuestións loxísticas nos supuxeron algún que outro desvelo: cada canto deixaríamos as pedras?, quen as tiraría?, como farían para non confundilas con outras do camiño?, cantas levaría cada un?, como fariamos para levar as pedras e o millo para os paxaros? Todo isto levounos o seu tempo, sen descartar a idea de traballar co mapa e coas aplicacións web que nos permiten facer o percorrido virtual.

Foron moitos frontes abertos que iremos contando por partes.

1º As pedras. Mercouse un saco de 20 kilos de grava branca grosa, todas cun calibre similar, sobre as que propuxeron escribir palabras bonitas e frechas indicando o camiño ao igual que as do camiño portugués tan familiar para eles, pero coa diferenza de que non podían ser amarelas para non despistar aos peregrinos.

2º Cantas levarían. Deunos pé a un traballo de estimacións matemáticas, primeiro apuntando o número delas que podía conter un saco. Logo rectificando ao ver as que contiña un quilo e volvendo a rectificar unha vez contamos cen e vimos que aínda quedaban moitas no saco. Resultaron ser 550, que daban 22 pedras por neno/a. Probouse se poderían con elas nos petos. Vendo que era factible puxémonos a preparalas, sen resolver aínda cada cantos pasos se deixaría unha.

3º Quen e cando as tirarían. Era importante saber a distancia en pasos para facer os nosos cálculos polo que lles preguntamos ás familias cantos pasos estimaban que había. Mesmo pedimos algún podómetro. Respondéronnos que entre 6000-7000 dos nenos. Aquí xa se lles facía moi complicado a eles de modo que acordamos que eu os avisaría de cando tiralas, tocándolle na cabeza a quen lle correspondera.

4º O millo levábase en paquetiños todos iguais e todos do mesmo peso e pensamos que naqueles lugares que nos pareceran fermosos deixaríamos unha presa de grans. Pensaban con ilusión e inxenuidade que á volta verían moreas de paxaros polas beiras do camiño.

Preparados con todo o noso equipaxe de pedras e millo emprendemos o camiño.

Cómpre salientar a coidada acollida que se lles fixo no centro, dirixida por irmáns e amigos maiores que foron os encargados de levalos por todo o centro amosándolle aquilo que a eles máis lles gustaba, a súa futura aula, as instalacións, léndolle contos na biblioteca ou merendando e xogando con eles na carballeira. Foi unha xornada ben bonita para todos.

Cando emprendemos o camiño de volta deixámolos que foran eles diante guiándose polas pedras que deixaran. Tan só nos fallaron os paxaros, os que desculparon polo exceso de calor.

Unha vez máis, cremos que fixemos un camiño para non esquecer que nesta ocasión queda máis gravado na memoria ca nos mapas. Un camiño para non esquecer de onde vimos e a onde imos. Agora xa saben que estarán ben no novo centro e coñecen o camiño para vir vernos cando queiran.

Temperatura corporal

In EncienciArte on 30/11/2017 at 15:38

img_8185.jpg

Tras dedicarlle un tempo ao rexistro da temperatura exterior e interior, decatámonos de que esta última se incrementaba moito máis rápido, ao que tratamos de buscarlle explicación: a calefacción, o sol batendo nas cristaleiras e como non, ao calor que nós desprendemos. Todos tiñan unha idea aproximada da calor corporal, aínda que non sabían dos seus valores habituais. Sabían tamén que as subidas de calor eran indicadores da febre.

Emporiso, en primeiro lugar fixemos estimacións da calor corporal duns e doutros, comparándoo co propio, método tradicional e popular para notar a febre. E logo xa empregamos os termómetros clínicos dixitais, aínda que lles amosamos un dos de mercurio máis similar aos xa coñecidos de exterior.

E así fomos mirando a temperatura corporal de cada un e rexistrándoa para acadar unha media ou deducir cal é a normalidade.

Antes de nada fíxose preciso ler as instrucións do termómetro pois coñecían varias opcións sobre onde colocar o termómetro: axila, boca ou recto. Optamos loxicamente pola primeira. E logo soubemos dos chíos que indicaban a finalización da medición e mesmo da alarma de febre.

Tan entusiasmados estaban que decidimos propoñer como tarefa tomarlle a temperatura a todos os membros da familia.

Destas medicións, saíron observacións moi interesantes: quen tiña a temperatura máis alta da casa, quen a máis baixa, se isto tiña algo que ver coa constitución física o co calor da casa (por que non todos a mesma), se os irmáns mellizos/xemelgos (dos que hai cinco na aula) tiñan a mesma temperatura, a escrita dos números dixitais, etc.

Ata houbo quen lle fixo medicións a Pako, ao can da familia, o que nos levou a confirmar a sensación de caloriña que sempre temos ao tocar aos animais domésticos (cans, gatos, pitiños), xa que logo, eles teñen a temperatura corporal un chisco máis alta ca nós.

A miña primeira palabra

In AlfabetizArte,EmocionArte on 12/10/2017 at 17:36

img_7063.jpg

Trala lectura dun libro titulado “La primera palabra de Mara”, de Ángel Domingo en Narval, preguntamos se sabían cal fora a primeira palabra que pronunciaron. Tan só unha nena o sabía, e sen embargo pareceunos que era un deses recordos para gardar polo importante que é. No conto, a familia paterna repetíalle ata o fastío “papá”, a materna “mamá”, pero Mara saíu un chisco traste e dixo “caca”, esa foi a súa primeiriña palabra.

Así todos intrigados levaron como tarefa para a casa preguntarlle aos seus pais pola primeira palabra que pronunciaron. Eu díxenlles que era algo que todos os pais e nais lembraban, así confiados marcharon coa encomenda. Completábase  con traer unha fotografía de cando tiñan arredor de 6-12 meses que é cando empezan normalmente a falar, malia que con anterioridade garulan, fan rechouchíos, farfallan e comezan a balbucir e a repetir onomatopeas. Disto todos tiñan algo que dicir, polos irmáns máis pequechos ou por bebés de coñecidos.

Ao día seguinte, a clase era un fervedoiro de ilusión, todos deprenderan cal fora a súa primeira palabra e amosaban as fotografías deles con poucos meses.

Así decidimos ir anotando cales eran esas palabras e ao ver que se repetían con frecuencia decidimos plasmalo nun gráfico de barras para cun golpe de vista, ver cal fora a palabra máis habitual neste grupo.

fotoefectos.com__final_3350117572631883802_

Xunto ao gráfico todos os que coincidiran coa mesma primeira palabra: mamá

Logo unha nena propuxo facer unha montaxe con todas as fotos e poñerlle a cada unha delas un bocadillo como o dos cómics no que se escribira a palabra en cuestión. A todos lles pareceu boa idea e así fixemos unha montaxe fotográfica titulada “A miña primeira palabra”.

Volveremos sobre isto, porque tamén falamos de facer un pareado co nome a coa palabra, un mural, unha composición artística, unha pedra palabra para gardar nas caixas dos recordos…, teremos que darlle unha volta.

Cremos que esta é unha actividade que axudou a que cadaquén vaia construíndo a súa historia de vida persoal, única, diferente e chea de momentos felices para as súas familias.

Sinxelo, ás veces falámoslle de palabras moi requintadas e esquecémonos da súa primeira palabra.

E vós sabedes cal foi a vosa primeira palabra?