A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘luz’

Sombras de cores

In EncienciArte on 26/01/2011 at 15:00

Os primeiros raios de sol invernais permítennos facer xogos de luz e de cor.

Tras o marabilloso descubrimento de como se mesturan as cores dos acetatos, de como o seu reflexo tingue o que lle poñemos debaixo –pedras, folios, o seu propio corpo-, probamos a ver o que acontecía cando abríamos a xanela e o vento pon en movemento todas as bolas do teito e maila cortina da luz de cores.

Xa o pasado curso xogáramos coa sombra e fixéramos interesantes descubertas. Continuaremos experimentando.

Ver presentación.

Reggio 8ª: un raggio di luce

In EncienciArte,InformArte on 14/04/2010 at 14:22

Nas escolas reggianas hai unha serie de aspectos que, dun xeito ou doutro, sempre se tratan: o traballo artístico, o traballo coa luz e o traballo co son. Pouco a pouco irémolo vendo. Sen pretender caer no “receitario” velaí van unhas ideas e apuntamentos que poden dar lugar a grandes proxectos coa luz.

-A presenza constante da tavola luminosa, moble moi sinxelo, ao estilo dunha mesa, case dunha artesa, cunha placa de cristal ou plástico translúcido, que deixa pasar a luz de dúas lámpadas que hai no seu interior. Este foi o modelo inicial, agora xa se comercializan cun deseño máis sofisticado. E que fan coa tavola luminosa?, case todo, é incrible como cambian as cores, como se aprecian as súas mesturas sobre ese soporte lumínico. Cóbrena de area e xogan a trazar liñas, formas, debuxos…, ou mesmo con arxila ou plastilina. Con flores, pétalos e follas, con cunhas ou cristais, realizan composicións que se realzan polo efecto da luz. Cuberta cun plástico transparente permite pintar con témpera ou acrílico, por certo os murais non os fan sobre papel kraft senón sobre plástico transparente, deste xeito ao penduralos do teito ou das xanelas non impide o paso da luz. Tamén os vimos xogando a superpoñer varias capas de papel de seda ou acetatos de cores, o que lles brinda a posibilidade de ver as mesturas e gamas ou variacións dunha mesma cor; impresionante o proxecto que realizaron sobre se todos os brancos son iguais (empregando distintos materiais con distintas texturas todos eles brancos). A menor escala fan o mesmo cun retroproxector. Aquí andamos “piando” polos encerados dixitais e agora vai resultar que todas as “modernas” que fomos a Reggio Emilia vagamos polos sotos dos colexios recuperando o desprezado retroproxector.

-Os xogos de luces e sombras, creando ambientes escuros ou simplemente baixando as persianas e deixando que a luz que se filtra polas súas fendas sexa un elemento de xogo sobre o corpo dos rapaces. As cores da sombra.

-Tubos luminosos, son como unhas mangueiras transparentes que no seu interior levan pequenas lámpadas (como as que se empregan para iluminar exteriores no Nadal), con elas xogan a trazar sendeiros ou a enrolalas no corpo.

-Acetatos de cores nas xanelas que permiten filtrar a luz solar dando lugar a xogos coas cores. Tamén vimos varios círculos de acetato superpostos e con perforacións de distintos tamaños que cada vez que se xiran cambian o efecto da luz a modo dun calidoscopio.

-A medida da sombra ao longo do ano, as variacións pola ausencia de sol. Noutra entrada deste blog, e a raíz dunha exposición sobre a sombra organizada polo Museo Thyssen, xa fixéramos unha proposta de traballo.

-A iluminación das cidades, un proxecto interesantísimo.

-A presenza de espellos por todas partes, as imaxes que reflicten, a luz que recollen e devolven.

-O teatro de sombras con personaxes creadas por eles mesmos con materiais de refugallo ou útiles de cociña.

En todas as escolas hai un obradoiro de luz un elemento que fascina ás criaturas. E no Centro Internacional Loris Malaguzzi atopamos  o Atelier Raggio di Luce, unha exposición interactiva dirixida a alumnado, educadores e familias para que coñezan as múltiples facetas da luz. Un lugar de investigación, experimentación e inmersión nun entorno no que a luz e as súas diversas formas poden ser investigadas a través da exploración, provocando o asombro e a curiosidade. Un lugar de investigación sobre o ensino da ciencia nova.