A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘lingua materna’

A miña primeira palabra

In AlfabetizArte,EmocionArte on 12/10/2017 at 17:36

img_7063.jpg

Trala lectura dun libro titulado “La primera palabra de Mara”, de Ángel Domingo en Narval, preguntamos se sabían cal fora a primeira palabra que pronunciaron. Tan só unha nena o sabía, e sen embargo pareceunos que era un deses recordos para gardar polo importante que é. No conto, a familia paterna repetíalle ata o fastío “papá”, a materna “mamá”, pero Mara saíu un chisco traste e dixo “caca”, esa foi a súa primeiriña palabra.

Así todos intrigados levaron como tarefa para a casa preguntarlle aos seus pais pola primeira palabra que pronunciaron. Eu díxenlles que era algo que todos os pais e nais lembraban, así confiados marcharon coa encomenda. Completábase  con traer unha fotografía de cando tiñan arredor de 6-12 meses que é cando empezan normalmente a falar, malia que con anterioridade garulan, fan rechouchíos, farfallan e comezan a balbucir e a repetir onomatopeas. Disto todos tiñan algo que dicir, polos irmáns máis pequechos ou por bebés de coñecidos.

Ao día seguinte, a clase era un fervedoiro de ilusión, todos deprenderan cal fora a súa primeira palabra e amosaban as fotografías deles con poucos meses.

Así decidimos ir anotando cales eran esas palabras e ao ver que se repetían con frecuencia decidimos plasmalo nun gráfico de barras para cun golpe de vista, ver cal fora a palabra máis habitual neste grupo.

fotoefectos.com__final_3350117572631883802_

Xunto ao gráfico todos os que coincidiran coa mesma primeira palabra: mamá

Logo unha nena propuxo facer unha montaxe con todas as fotos e poñerlle a cada unha delas un bocadillo como o dos cómics no que se escribira a palabra en cuestión. A todos lles pareceu boa idea e así fixemos unha montaxe fotográfica titulada “A miña primeira palabra”.

Volveremos sobre isto, porque tamén falamos de facer un pareado co nome a coa palabra, un mural, unha composición artística, unha pedra palabra para gardar nas caixas dos recordos…, teremos que darlle unha volta.

Cremos que esta é unha actividade que axudou a que cadaquén vaia construíndo a súa historia de vida persoal, única, diferente e chea de momentos felices para as súas familias.

Sinxelo, ás veces falámoslle de palabras moi requintadas e esquecémonos da súa primeira palabra.

E vós sabedes cal foi a vosa primeira palabra?

 

Día Internacional da Lingua Materna

In InformArte on 20/02/2010 at 17:49

“A lingua materna, a das primeiras palabras e a expresión do pensamento individual, constitúe o alicerce biográfico e cultural de cada persoa. Ademais, está demostrado que os nenos aprenden mellor cando cursan os primeiros anos de ensino no idioma materno.

O concepto de lingua materna é complementario do de plurilingüísmo, que a UNESCO procura promover, alentando a adquisición de polo menos tres niveis de competencia lingüística: un idioma materno, un nacional e outro vehicular.”

Estas son as palabras da directora da Unesco, Irina Bokova, con motivo da undécima edición do Día Internacional da Lingua Materna, o 21 de febreiro.

No web da S.X. de Política Lingüística atopamos máis información sobre a conmemoración, así como unha presentación elaborada polos nenos e nenas da Escola Infantil Raiola de Santiago sobre como ser transmisores da lingua e dos afectos.