A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘Internet’

Saga/fuga de galegofalantes en infantil

In ReflexionArte on 15/12/2018 at 07:21

peligros_ipad_smartphones

Hai uns días comentei coas compañeiras que constataba que cada vez lle resultaba máis dificultoso aos pequenos seguir os contos en lingua galega. Miráronme arrepiadas como se pensaran que apostaba polo castelán por vir a ser algo así como o alemán para o Deporte Canino internacional. Preguntáronme se sería que as historias que lle conto son demasiado complexas para nenos de tres anos, se o vocabulario non sería requintado de máis. Neguei todo iso. Tiven que expoñer polo miúdo o que me levaba a tal afirmación, de como me decataba de que non captaban o sentido completo do texto, tan só dunhas palabras soltas. Insistín que non era con termos xa carentes de vínculo para eles, como acontece en “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”, e o neno de debaixo da cama saca unha locomotora cun vagón e un penico, obxecto arestora descoñecido para eles grazas aos cueiros “dulces sueños”, porén quedan un chisco desconcertados ata que volven a enganchar coa cantadela “o tren de Martiño, chu, chu, chu”. Non, non é iso. Perden o fío do conto. Suxerín que fixesen a proba elas mesmas. A min suxeríronme que cambiara de contos.

Marchei matinando se perdera a feitura coma contadora.

Hai uns meses, a comezo de curso, fomos convidadas á presentación do estudo sociolingüístico “A lingua no Agro do Muíño”, no que se recollen os resultados do traballo realizo polo EDNL do CEIP Agro do Muíño no noso concello, Ames, coa colaboración do Servizo de normalización municipal e o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega. Expúxose a importancia deste estudo xa que é o primeiro que se fai nun concello periurbano con unha demografía tan alta e cun perfil poboacional que permite tirar conclusións. O máis salientable foi a constatación de que a perda de galegofalantes se produce na infancia, a diferenza do que acontecía fai quince anos cando o traspase se daba na adolescencia. Apuntouse tamén a contradición flagrante entre o que manifestaban as docentes, as educadoras 0-3 e monitoras de actividades extraescolares sobre uso lingüístico e os datos obtidos dos nenos/as. Cadrou que moitas das persoas que estabamos alí eramos mestras, de infantil a maioría, e galego falantes case todas. Así que ante tal resultado mesmo houbo miradas desacougadas cara nós: que estamos a facer na escola infantil para que os nenos muden a lingua vehicular. Polas nosas cabezas pasou un balance das veces que nos diriximos a eles nunha ou noutra lingua. Tralos apocalíticos vaticinios sobre a fin do galego, fixemos acto de contrición e propósito de emenda, prometendo non ser tan a vaicheboa.

Fiquei uns días levando conta veces que vulneraba aquilo do equilibrio lingüístico.

Hai unhas semanas entrevisteime cos pais dunha cativa que apunta unha posible falta de atención así como unha fala chea de reiteracións, estridente e histriónica. Nun momento estrañámonos porque eu pensei que na casa falaban castelán e eles pensaban que era eu dado que agora esa é a lingua empregada polo nena. Falando de todo un pouco, tamén descubrín que dende que era bebé empregaran a tablet (as series de animación) para facela comer, ir para a cama, estar calada, etc.

Maldicín as tablets e smartphones e pensei fotocopiar un artigo sobre o prexuízo que ocasionan na nenez.

Hoxe volvín a darlle unha volta ao asunto coa miña irmá e daquela xuntamos o que lles contei anteriormente: as nosas percepcións sobre a escasa comprensión do galego, a fuga de falantes en infantil, así como a alarmante baixada na idade de acceso a dispositivos e subida de horas de permanencia. E velaquí teñen a explicación:

En efecto, a meirande parte das series de animación e videoxogos que enganchan aos cativos son en castelán, así que xa saben onde está a porta por onde foxen os nosos inocentes tránsfugas lingüísticos, que abandonan a que lle escoitan á nai/pai/familia/mestra/monitoras pola que falan uns personaxes de ficción que non lles dan de comer, nin os coidan cando están enfermos, nin os ensinan, nin os meten na cama, nin lle contan contos tradicionais ou clásicos, nin lle fan aloumiños pero danlle aceleración, subidón de adrenalina, excitación, aventura e foguetes de cores.

Matinei apesarada porque isto non hai quen o pare.

Se nas series de animación decidiran empregar unha lingua morta, poden ter a seguridade de que en menos dun lustro estaría rediviva; quen vería aos cativos a falar latín, arameo, dálmata copto ou córnico.

Así que instamos aos organismos encargados da dinamización da lingua galega a pensar se poñer en nómina aos personaxes de Neox, Clan e Disney Channel, sen perder de vista a “Masha y el oso” que malia ser en ruso conta con dezasete millóns de seguidores infantís que comprenden os reducidos diálogos, palabras frase, honomatopeas e ruídos varios. Ou pola contra, aliarse coas administracións de familia, educación, sanidade, tecnoloxía e xustiza para facer unha campaña na que se diga claramente que o abuso de pantallas afecta seriamente á intelixencia dos pequenos, tipificando como abandono educativo o consentimento dos proxenitores dun uso prolongado de dispositivos en idades temperás.

Xa veremos no que remata todo isto.

Internet e infancia

In TICArte on 16/05/2010 at 09:36

O día 17 de maio, celébrase o Día Mundial da Sociedade da Información ou Día de Internet. O obxectivo desta celebración é conseguir que o conxunto da sociedade teña a oportunidade de coñecer e experimentar como Internet pode axudarnos a mellorar a nosa calidade de vida.

Aínda que todas e todos coñecemos algunha persoa que nunca entrou na rede, a día de hoxe a moitos de nós resultaríanos moi difícil entender como se pode vivir sen Internet, e iso que tampouco levamos tantos anos nestas lideiras . En Discovery Channel atopamos “La Internet“, unha presentación interactiva dunha liña temporal cos principais fitos e nomes que fixeron posible a rede global;  de como se evolucionou desde o 550 a C. co primeiro sistema de correo, pasando pola creación de ARPANET, polo envío do primeiro e-mail, polo ano 1970 cando se acuña o termo INTERNET, ata o Iphone no 2007. Vese que non está totalmente actualizada, pero é ben interesante.

Na educación, hoxe en día, o uso das TIC nos centros é un elemento de calidade, case se converteu nun síntoma da eficacia e eficiencia das institucións escolares. O seu emprego, como ben sabemos todos, faise con maior o menor fortuna. Nalgúns casos sería mellor mirar pola xanela que cara a pantalla; as tecnoloxías de seu non aportan ningún valor á educación, tan só son ferramentas en mans dos docentes. Pero sen lugar a dúbidas é preciso introducilas na praxe educativa, é necesario que lles aprendamos aos nenos e ás nenas as posibilidades que nos brindan.

En moitas aulas de infantil estase a facer moi ben, nalgunhas ata teñen ordenador e conexión, o que lles permite buscar información, comunicarse, abrirse ao mundo amosando o que fan (blogs de aula), e mesmo, divertirse. Todo o que lles amosamos ao noso alumnado está rigorosamente seleccionado, cumpre cuns obxectivos e resulta interesante. Eles saben que podemos atopar todo en Internet. Pero ollo, isto entraña un risco moi grave. Esa mensaxe “subliminal” das bondades de Internet, é perigosa se non se lles educa na outra “cara oculta”. Internet tamén entraña riscos e perigos potenciais, aos que da man dos adultos non están expostos, pero que están aí. Poida que ao tempo que os ensinamos a navegar, a buscar, a seleccionar, tamén teñamos que ensinalos a valorar, enxuizar, contrastar información, e a rexeitar certas ofertas por atractivas que poidan ser. Facilitamos acceso a un vídeo emitido na TV, que nin precisa tradución, polo explícito que é. Organismos e institucións nacionais e internacionais teñen alertado sobre estes perigos, e analizado os hábitos dos menores en Internet. Na meirande parte deles estudan os rapaces desde os 11 anos en diante, pero ben sabemos que nenos de menor idade tamén o empregan, co beneplácito dos proxenitores e bendicións dos adultos.

O web de Pere Marqués, profesor da UAB, conta cun apartado sobre os riscos de Internet; consellos para un uso seguro da rede; o decálogo dos dereitos da infancia en Internet; recomendacións para proxenitores e educadores; sistemas de seguridade e instrumentos de control; ligazóns a institucións que realizan estudos e campañas; portais seguros e software para a protección.