A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘igualdade’

Nenas princesas

In InformArte on 03/11/2014 at 07:40

Na reunión do final de curso pasado e na de inicio de este dediquei un anaco a reflexionar coas familias sobre un feito que estaba/está chamando profundamente a miña atención e que me enche de preocupación: a proliferación das “nenas princesas”; denomino deste xeito a moda de que as pequenas leven as unllas pintadas, moreas de colares, pulseiras, diademas –coroa, roupa interior e exterior que semella a das adultas, etc. Haberá quen pense que non é máis ca unha moda temporal ou un gusto normal polo rechamante, sen máis importancia ca o da “coquetería” das nenas ou da intención de semellarse ás mozas maiores. Eu, sen animo alarmista nin mexeriqueiro, non o vexo así, paréceme un anuncio e un síntoma perda dos dereitos da muller, unha das consecuencias máis palpables da imposición de modelos femininos non respectuosos por parte da publicidade, dos medios e da sociedade de consumo; as non visibles xa se verán. Hai quen pensa que son unha esaxerada. Non o creo. Sexa por desexo das nenas ou por gusto das nais, estánselle a transmitir unhas mensaxes que xa adoptan como normais desde ben cativas. Maquillaxes, zapatos de tacón, peinados, desfiles de moda ou combinar accesorios nunca foron preocupacións das nenas de infantil, agora si. E isto non é normal, malia que o fagan as fillas das famosas da prensa rosa.

Na clase xa suscita problemas. Chega unha cativa dese xeito e de inmediato todas as demais que devecen por ter o mesmo, máxime cando din que é de “chicas maiores”, daquela empeza un xogo perverso entre as pequenas no que exclúen ás que non teñen cousas bonitas (brillos e adobíos), e como non aos seus compañeiros nenos, porque diferencian o que é “cousas de chicas e cousas de chicos”. Estamos a falar de cativas de 4 e 5 anos. Que queren que lle diga; que non me parece algo admisible nunha escola na que tratamos de educar en igualdade; e que me enche de tristura que unhas series infantís e uns modelos femininos non adecuados boten por terra o que fai anos foi unha conquista. E aínda máis triste é que haxa quen non repare nese perigo ou que o tome como “cousas de nenas”.

Na miña aula, explicadas ás familias esas vertentes do que para moitos non é máis ca unha brincadeira lóxica, normal e natural das nenas, “de seu máis coquetas” ca os nenos, coincidiron comigo en que era algo que debíamos evitar. Non as houbo, pero podería haber reticencias, daquela, así o expuxen nunha reunión de equipo, serían os centros os que terían que adoptar algún tipo de medidas, pero a cousa é complicada porque, onde empezan as normas escolares e onde os dereitos das familias? Mellor facelo desde a comprensión, argumentando e facéndoos reflexionar sobre as consecuencias futuras de algo aparentemente tan banal.

Os medios de comunicación tamén empezan a facerse eco desta moda, así o resumen neste vídeo, titulado “Ocio sexista que no ayuda a fomentar la igualdad”. Sería bo que tomasen nota e desen exemplo, non sabemos onde está ou para onde mira o comité de supervisión de contidos infantís, porque a vulneración dos dereitos da infancia é flagrante e continuo nas  emisións das distintas canles televisivas, dentro e fóra da franxa horaria infantil.

http://www.rtve.es/drmn/embed/video/2844474

Princesas rosa e príncipes sapo

In ContArte on 23/11/2010 at 16:21

Hai determinados temas que nós non consideramos adecuados para traballar en educación infantil, sabemos que hai tendencias, que se publican estudos sobre a necesidade de abordalos, pero para nós é perverter a infancia, roubarlles a inocencia. A morte, a depresión, o maltrato…, ao noso modo de ver deben ser tratados desde o ámbito da prevención ou cun enfoque positivo; non falamos da morte, senón da alegría de vivir; non falamos da depresión, senón do optimismo; non falamos da violencia contra as mulleres, senón da igualdade de dereitos e de oportunidades. Non estamos a falar de como actuar en situacións específicas e concretas, senón en xeral.

Porén recomendamos a lectura de “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?“, de Raquel Díaz Reguera en Thule. “Carlota era una princesa rosa; con su vestido rosa, su armario lleno de ropa y una habitación con una cama, con unas sábanas y una almohada rosas. Pero Carlota estaba harta del rosa y de ser una princesa. ¿Había algo más aburrido en el mundo que ser una princesa rosa?” Cunhas ilustracións nas que predominan as cores rosa que se saen do rosa, este libro é todo un descubrimento; un manifesto sobre os dereitos das nenas a ser o que queiran na súa vida sen importarlle o que lles pasará aos príncipes azules cando non haxa princesas rosa.

Preguntádelle por que queren ser princesas, poida que vos sorprendades coas respostas.

E que será dos príncipes convertidos en rana? Pois algúns como “Sapo Manuel Quenorrana“, malia que hai princesas que andan todo o día detrás deles para bicalos, non queren deixar de ser sapos, son felices como sapos. Unha divertida proposta de José Campari, na que mestura historias ao modo dun culebrón. Ilustrado por Inés Vilpi e publicado en Mil y un cuentos.

Guía para a elaboración de proxectos coeducativos

In ActualizArte on 07/03/2010 at 22:57

A “Guía para a xestión de proxectos coeducativos” é un documento aposta pola introdución da perspectiva de xénero nos centros de ensino. Está pensado para apoiar a labor dos equipos docentes no desenvolvemento de proxectos de igualdade, dando claves para traballar coeducativamente. Coeducar implica revisar os materiais didácticos, o uso que se fai da linguaxe, a distribución que se fai dos tempos e dos espazos entre os nenos e as nenas, o reparto de responsabilidades, etc. Como anexos recolle recursos para a coeducación e o marco lexislativo para a igualdade no ensino.

Sería bo que despois de tanta conmemoración do día da muller e da loita pola igualdade, miremos un pouco para o noso contorno de traballo máis inmediato e analicemos se a igualdade é un feito real. Non se trata de ver só si se separan os nenos das nenas o si se lle encargan tarefas e responsabilidades distintas, tamén hai que mirar a documentación dos centros, como nos proxectamos ao exterior; é incrible, pero certo, que nos escritos oficiais de moitos centros se emprega unha linguaxe totalmente sexista, malia que poida estar dirixido por mulleres e que a meirande parte do persoal sexa feminino.

Women are persons

In InformArte on 03/03/2010 at 16:46

Para pensar que ata hai ben pouco tempo non éramos recoñecidas como persoas. No outeiro no que se erixe o Parlamento de Ottawa (Canadá) hai un conxunto escultórico coñecido como “The famous five monument”, fai alusión á conquista histórica de cinco loitadoras de Alberta que en 1929 conseguiron que a constitución lle recoñecera os dereitos ás mulleres; recoñecéronnos como persoas. A representación é extraordinaria en detalles e en como reflicte a emoción destas mulleres coa súa victoria.