A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘equilibrio’

Á procura do equilibrio no ar

In EncienciArte on 18/12/2010 at 09:02

Na nosa liña de reutilización de distintos obxectos para convertelos en elementos artísticos, ao longo do trimestre fomos pintando botellas de leite ou iogur coas que logo construímos móbiles para decorar o corredor polo que accedemos ás aulas. As nosas premisas: que fosen esteticamente agradables e que tivesen movemento –ben ao abrir as xanelas ou mesmo co noso paso-. Para ilo, cadaquén fixo un primeiro deseño, o paso do plano ou bidimensional ao volume ou tridimensional.
Unha vez pintadas as botellas non quedaba máis que a labor de montaxe. Asunto difícil pois as diferenzas de tamaño, de peso, de longo da tanza influían no equilibrio do conxunto. Ata houbo que recorrer a trucos como introducir pequenos pesos nas botellas para acadar ese equilibrio.

Á procura do equilibrio na terra

In EncienciArte on 18/12/2010 at 09:01


Dentro do proxecto EnlatArte, as latas déronnos moitas posibilidades de xogo, entre outras, as construcións. Non foi asunto doado desafiar a lei da gravidade, as diferenzas de tamaños, de altura, as construcións e equilibrios “imposibles” provocaron moitos debates e máis dun desgusto.
Finalmente, coa axuda da silicona, vimos que case podemos desafiar as leis do equilibrio. Velaí as nosas esculturas de lata.

Á procura do equilibrio na auga

In EncienciArte on 18/12/2010 at 09:01

Ao longo do trimestre traballamos moito o equilibrio co propio corpo. Desde que vimos os folletos publicitarios dun circo que actuaba na nosa vila e no que dicían había equilibristas marabillosos, tratamos de averiguar que son e que fan; con ese motivo, iniciamos unha rutina, case diaria, de realizar distintos equilibrios co corpo –parados, en movemento, portando obxectos, camiñando sobre cordas, etc-, daí pasamos ao equilibrio dos obxectos, as distintas actividades realizadas arredor do peso, coas balanzas foi moi interesante –ver cando conseguíamos equilibrar as dúas cubetas, analizar a razón pola que se desequilibran; eles mesmos co seu corpo exercían de balanza e vivenciaban o equilibrio e o desequilibrio pola diferenza de peso.

Cando dedicamos un tempo aos cítricos, a máis do peso, fixemos experiencias de flotación. Foi complexo comprender por que uns anacos da froita flotaban e outros non; formulamos todo tipo de hipóteses -que tratamos de comprobar-, relacionadas co peso, co tamaño, coa porción de monda ou coa forma de colocación destas.

Áo longo do curso realizaremos máis experiencias de flotación, que esperamos, nos permitan chegar a algún tipo de conclusión.