A nosa achega á educación infantil

Posts Tagged ‘aplicación informática’

Converter o blog de aula en libro

In TICArte on 28/02/2012 at 08:25

Somos moitos os docentes de infantil que non empregamos material editorial nas nosas clases, somos moitos os que nos preocupamos máis polos procesos de aprendizaxe que polos produtos que realizan os nenos e nenas, e moitos de nós tamén temos un blog de aula, porque cremos que é unha maneira de ir vinculando a familia co día a día da vida dos seus fillos e fillas. Por outra banda, o blog, tamén nos axuda, a dar conta do noso traballo, xa que logo, a remate de curso ou trimestre o noso alumnado non leva os consabidos cadernos perfectamente acabados.

Por iso gustounos a idea de converter o blog en libro, para nós unha maneira de darlle un recordo do seu paso por estas aulas: un libro que recolle coma un diario as actividades que se foron desenvolvendo ao longo do trimestre, curso ou ciclo.

Hai varias ferramentas, unhas máis axeitadas ca outras segundo o blog. Velaquí:

BlogBooker, permite crear un arquivo PDF de alta calidade, funciona tanto con blogs de WordPress como de Blogger, podendo elixir idioma, fonte, e tipo de impresión.

FastPencil, que permite aínda máis posibilidades de selección do que se decide incluír ou non.

Blurb, crea un eBook, pero só con blogs de WordPress.

BookFabric, soporta varias plataformas, entre elas Blogger e WordPress, xera rapidamente un libro con portada, índice de contidos, imaxes, etc.

Grandes carteis

In TICArte on 01/02/2012 at 07:57

Nalgunha ocasión precisamos elaborar carteis con grandes letras para a clase ou para o centro e acabamos recorrendo á impresión letra a letra ou a múltiples ampliacións.
En Educacontic, vemos unha sinxela ferramenta, TYPEA4,  que permite, sen rexistrarse previamente, imprimir grandes carteis dunha letra por páxina, con varios formatos de letra e cores, preparados para imprimir directamente ou para descargar en pdf.

Poñéndolle voz ao que escribes

In TICArte on 12/01/2011 at 20:50

Unha amiga facilitounos a ligazón a esta ferramenta, Text to Speech, de Sitepal, que permite escribir un texto breve, e o presentador ou presentadora poñeralle a voz, en distintos tonos, e diferentes idiomas con variados efectos. Ao noso alumnado gustoulle escribir o seu nome e escoitar como o pronunciaría unha persoa, home ou muller, con acento de distintos países, máis rápido ou máis lento, con voz metálica ou estridente. Ademais cando moven o rato arredor deles, seguen o punteiro cos ollos. Aínda non lle exploramos outras posibilidades, pero é interesante que descubran que un erro nunha letra altera o resultado.