Avaliar o 3º trimestre: un brinde ao sol?

“máis ou menos” ou “así a ollo” non é unha medida fiable”

Debo confesar de antemán que cando xorden estes temas interesadamente controvertidos non me meto en materia ata que a cousa vai medio andada; hai tantas idas e voltas que non consumo enerxía nese proceso de desgaste ou de lanzamento de globos sonda. Adoito entrar cando finalmente se concreta nun documento. Tal así é como fixen no caso da avaliación en infantil do 3º trimestre do curso 2019_20 coa chegada das instrucións pertinentes.

Antes de comezar e como teño a sensación de vivir nunha irrealidade, gustaríame corroborar co lectorado as seguintes afirmacións:

1ª Chegada a 3ª avaliación levaremos catro meses sen ver diante ao noso alumnado. Se máis das veces nos sorprendemos cos cambios acaecidos neles nos dous meses vacacionais de verán, imaxinen o que pode acontecer nesta situación excepcional.

2ªA avaliación escolar é a constatación dos efectos da intervención docente nos procesos de ensino-aprendizaxe do alumnado. Intervención educativa non é o mesmo ca contactar de cando en vez por medios telemáticos, nin mandar tarefas para que fagan cos pais nin facer suxestións web para pasar o tempo. E por suposto, non é a constatación da situación en función dunhas tarefas fotografadas ou dos comentarios paternos.

3ª As tres áreas que integran o currículo de educación infantil son: coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, coñecemento da contorna e linguaxes, ningunha das cales se pode avaliar sen ter diante ao alumnado. Aquí non se poden aplicar probas coma en niveis superiores nin vivir da imaxe fixa gardada no mes de marzo, pois as medras dos pequenos nesta etapa poden ser exponenciais.

4ª”O motor principal da acción educativa debe ser o desenvolvemento integral da persoa a través de experiencias e actividades didácticas de carácter lúdico, partindo da realidade individual de cada neno para chegar a acadar, de modo gradual, os obxectivos sinalados para esta etapa educativa.” Cousa que ningún mestre nin mestra está a cumprir aínda sendo este o obxecto da nosa actuación, e quen diga o contrario minte palmariamente.

5ªA observación directa e sistemática constitúe a técnica principal do proceso avaliador en EI. Non preciso afondar en que neste momento non podemos cumprir ningunha das dúas condicións.

6ª”A avaliación nesta etapa, concibida como un instrumento regulador, orientador e autocorrector do proceso educativo, realizarase de forma continua e considerarase un elemento máis da actividade educativa coa finalidade de obter información sobre o desenvolvemento das nenas e dos nenos, mellorar e reaxustar a intervención das persoas responsables deste proceso e tomar decisións tanto individuais coma colectivas.” Avaliar en base a conxeturas ou suposicións non nos dará ningún tipo de información.

7ªEstamos incumprindo con case todo o estipulado na normativa de aplicación á EI: horarios, titorías, organización, etc, etc. Non pasa nada porque a situación xustifica esa vulneración, entón, de onde nace ese empeño en manter a avaliación aínda sabendo que é unha ficción ou fabulación?

8ªSomos conscientes de que no retorno deberemos adoptar medidas para paliar todas as carencias e consecuencias derivadas desta situación, tanto cos que ingresen por primeira vez na escola, coma cos que pasen de 3 a 4, de 4 a 5 ou cos que vaian para primaria. Preocuparse só dos que transitan de etapa é unha desconsideración absoluta cos demais pequenos.

9ª“Progreso ou atraso”, son termos tan vagos e tan ambiguos, mesmo pexorativos, que endexamais foron contemplados en ningún desenvolvemento normativo, sobre todo por quedar expostos á subxectividade e arbitrariedade.

10ªNingunha disposición normativa de rango inferior pode entrar en flagrante contradición con outra de orde superior, nin en situación de normalidade nin de excepcionalidade. É dicir, unha circular ou instrución non pode vulnerar o contemplado nunha orde, nun decreto, nun real decreto nin por suposto nunha lei. Para non estenderme máis remito aos lectores galegos á Orde de avaliación do 25/06/2009 (limiar e artigos 20.3 e 20.5), ao Decreto 330/2009 de currículo de EI (limiar, artigos 4, 3.1, 6.2, 6.4, 8.1, 8.2, 12.2 e Anexo I 1.1) e a todos documentos ou protocolos que as contemplan e/ou desenvolven.

Dito isto, e á vista das Instrucións do 27 de abril, só cabe preguntarse si se tiveron en conta os marcos normativos de infantil ou si se confunde coa avaliación de niveis superiores. Agradecería que alguén me aportara algo de luz baseandose na lexislación vixente, no coñecemento do desenvolvemento psicoevolutivo das nenas e nenos de 3 a 6 anos e na vida familiar en tempos de coronavirus.

Para rematar, dicir que teño a suficiente capacidade argumentativa para xustificar mesmo o que non vin (fe, se chama nalgunhas relixións) pero certamente preferiría o automatismo dunha aplicación informática que lle dea carta de validez a todo, promocionando automáticamente ao alumnado, ca ter que asinar nunha acta o que non puiden verificar coa rigorosidade e profesionalidade que se me supón. Non creo que un médico emita un diagnóstico dun paciente que non viu en catro meses ou que un xuíz sentencie en base a referencias, pois para min a miña profesión é tan seria coma calquera desas nas que só botan a sinatura sobre aquilo que comprobaron feacentemente.

Nota: “un brinde ao sol” seica é unha expresión tomada da xerga taurina, que vén ser algo así coma unha proposta que quen a fai sabe de antemán que non poderá cumprila, aínda con todo, tenta contentar aos que non entenden de touros.

3 Comments

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s