
O virus da tristeza dos cítricos (CTV) é unha das enfermidades máis daniñas neste cultivo con epidemias tan devastadoras que cambiaron o curso da industria dos cítricos. Denomínase así porque o seus efectos maniféstanse en decaemento (melancolía ou tristeza) de laranxeiras, limoeiros e mandarinas. Acontécelle a aquelas árbores que foron enxertadas sobre patróns rústicos, é como se a savia non fluíse ben producindo colapso á altura do empate.
Souben desta enfermidade trala visita a unha plantación nunha casa abandonada, motivo polo que non foran arrincadas e queimadas as árbores tal e como ordenou a normativa fitosanitaria para erradicar a praga mundial, prohibindo ademais que se volvesen a repetir eses métodos de reprodución, obrigando a os produtores a comprar plantas novas certificadas e saneadas. Chamou a miña atención tras ver todas as árbores con follas macilentas, os froitos cativos e falta de vitalidade; observando con máis detalle vin no seu tronco unha especie de engrosamento á altura dunha cicatriz. Como non son experta en cítricos, cando volvín para a casa, busquei información e souben deste temible virus para todos os cultivadores de cítricos.
Por aquel tempo, eu estaba a facer un traballo sobre a formación do profesorado e púxenlle o nome desa praga ao meu desenvolvemento: “O virus da tristeza na formación do profesorado”, pois coincidía no momento de apoxeo da teleformación, da formación on line que, daquela, non era outra cousa que meter temarios resesos en arquivos pdf poñelos nunha plataforma e traspasarllos así ao profesorado. Nada de interactividade, nada de interactuación entre docentes e discentes: a clásica e tradicional clase maxistral en contornas virtuais.
Os efectos desas pragas debilitan totalmente ás árbores, podéndose manifestar nun breve período de tempo, dúas ou tres semanas, ata ocasionarlle a morte; ou prolongarse por varios meses mentres lle podrecen as raíces, producindo follas e froitos danados ou amarelentos que caen sen cesar. Nas plantas novas produce ananismo ou raquitismo de froitos.
Como dicía ao inicio, dadas as perdas que ocasionaba, fíxose preciso o establecemento de leis moi duras. A lexislación española prohibe terminantemente: realizar enxertos sobre patróns rústicos, novas plantacións ou reposicións empregando sementeiras realizadas polos propios agricultores contaminados. A obriga de adquirir novas plantas en viveiros recoñecidos oficialmente que garantan a certificación de estar libres de virus, foi a única maneira de erradicar a praga.

Nestes días de tanto debate arredor das teletarefas, lembreime de novo do temible virus da tristeza.